As análises realizadas con drons subacuáticos constatan o bo estado de conservación dos fondos mariños do Parque Nacional das Illas Atlánticas

As filmacións efectuáronse co Seasam Rov, un dispositivo cunha capacidade de alcance de 100 metros de profundidade

Destaca a aparición na illa de Sálvora dunha zona de roca dominada por invertebrados con corais

 

Santiago de Compostela, 4 de setembro de 2022.-

Os fondos mariños do Parque Nacional marítimo-terrestre das Illas Atlánticas de Galicia presentan un moi bo estado de conservación, segundo as últimas análises realizadas con drons subacuáticos.

 

O estudo dos hábitats e especies costeiras submareais realizouse por medio de censos visuais levados a cabo a través de inmersións de equipos de mergullo autónomo que tiveron lugar nos meses de maio e xullo nos 4 arquipélagos que integran o parque. Os tramos elixidos para estas inmersións foron os mesmos que os seleccionados no ano 2014 para traballos previos de seguimento de comunidades biolóxicas.

 

As filmacións efectuáronse co Seasam Rov, un dispositivo  proporcionado por Zoomare cunha capacidade de alcance de 100 metros de profundidade. A maiores, os mergulladores ían equipados con ordenadores submarinos que rexistraban a profundidade e a temperatura en cada punto do percorrido.

 

A continuación, levouse a cabo a análise das imaxes no laboratorio coa elaboración dun inventario caracterizado en función da presenza das especies máis notables. Ademais, cuantificouse o número de individuos observados dun total de 21 especies piscícolas, seleccionadas en base á súa presencia habitual nos hábitats do parque e clasificadas baixo as categorías de presente, abundante e moi abundante.

 

Estado dos hábitats

No caso do arquipélago das Cíes localIzáronse 9 novos hábitats con respecto a 2015 mentres que, desde entón, na illa de Ons 6 hábitats experimentaron cambios dando lugar á aparición de 5 novas zonas naturais.

 

Cómpre salientar que en Sálvora, que conta con 5 hábitats distintos con respecto o estudo feito hai 7 anos, aparece unha zona de roca dominada por invertebrados con corais.

 

No que respecta a Cortegada, non se observan grandes cambios no fondo dos espazos analizados aínda que manteñen os traballos para retirar exemplares de leituga de mar, logo de detectarse unha elevada presencia desta especie oportunista.

Imaxes relacionadas