A Xunta reforza a dotación sociocultural das Somozas co novo Centro Cívico inaugurado hoxe
O vicepresidente segundo, Diego Calvo, participou na sesión de apertura das instalacións, que supuxeron un investimento de 140.000 euros
A medida enmárcase no apoio do Goberno galego ao eido local a prol da dinamización da vida social e cultural
Diego Calvo referiuse ás diferentes liñas de apoio ás administracións locais, que suman este ano un orzamento de case 15M€
As Somozas (A Coruña), 3 de setembro de 2022 O vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, acompañado pola delegada da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, participou hoxe na inauguración do Centro Cívico Socio-Cultural das Somozas, onde salientou o apoio da Xunta ás administracións locais na dotación de equipamentos que contribúan á dinamización social e cultural. A nova infraestrutura supuxo un investimento de 140.000 euros.
Na súa intervención, Diego Calvo incidiu na importancia deste tipo de instalacións nos concellos de menor poboación, a prol do desenvolvemento de actividades de lecer e culturais que poidan ser compartidas por toda a veciñanza. Nesta liña, referiuse á especial atención que lle presta o Goberno galego ás necesidades dos concellos “para garantirlle á cidadanía uns servizos de proximidade nas mellores condicións”.
Así, o vicepresidente segundo sinalou as diferentes liñas de axuda ás administracións locais, que este ano suman un orzamento de 15M€. Entre elas figura a Orde de infraestruturas de uso público, dotada con 3,5 millóns de euros e que está dirixida aos concellos de menos de 30.000 habitantes para potenciar o equilibrio no territorio galego rural e urbano, da costa e do interior.
Ademais, as administracións locais dispoñen do Fondo de Compensación Ambiental, para apoiar proxectos de protección do medio natural e ao que este ano se destinan 11,3 millóns de euros. Segundo apuntou Diego Calvo, o concello das Somozas recibiu nos últimos anos máis de 1,7M€ para actuacións vinculadas a esas liñas de axudas.
Pola súa banda, as asociacións de veciños, comunidades de usuarios de augas e mulleres rurais contan co Plan Específico de Acción Comunitaria, dotado con tres millóns de euros e que este ano beneficia a 224 entidades.
Trátase de medidas enmarcadas na aposta da Xunta polo eido local “a prol do principal activo de Galicia, as persoas, e en especial as que manteñen vivos os pequenos concellos do rural”, engadiu o vicepresidente segundo.