A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, visitou os rapaces que forman parte desta iniciativa, integrada na maior campaña de verán da historia do Goberno galego

O albergue xuvenil As Sinas acolle a última quenda de campamentos das cinco que ofertou ao abeiro da campaña de verán da Xunta

Os mozos, de entre 17 e 14 anos, realizan diferentes actividades na que o mar é o protagonista como vela, piragua ou snorkel, entre outras

Vilanova de Arousa (Pontevedra), 2 de setembro de 2022

A Xunta de Galicia impulsa a práctica de distintos deportes acuáticos e o contacto co mar co campamento O mar que imaxinas, que se desenvolve este verán na localidade pontevedresa de Vilanova de Arousa. O Albergue Xuvenil As Sinas acolle a última quenda das cinco que se celebraron ao abeiro da campaña de verán da Xunta.

 

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, coñeceu esta tarde mozas e mozos que desde o pasado luns desfrutan desta experiencia. Durante a súa estadía, estes mozos, de entre 17 e 14 anos, gozan do mar e da actividade física a través de deportes como a vela, a piragua, caiac, snorkel, introdución á pesca, volei praia ou paddle surf, entre outros..

 

O verán que queres contar

Esta actividade enmárcase na campaña de verán da Xunta de Galicia. Baixo o lema O verán que queres contar preséntase unha oferta total de máis de 10.800 prazas, a maior de toda a historia, que inclúe campamentos, campos de voluntariado, minicampamentos Coñece Galicia en establecementos turísticos e prazas para a organización de actividades por parte de entidades sociais.

Imaxes relacionadas