A Xunta da a benvida a unha vintena de novos voluntarios do programa ‘Xacobeando’

Estes mozos, de entre 18 e 30 anos, compoñen o cuarto grupo de participantes des-ta iniciativa que contempla accións nos ámbitos da inclusión, a sustentabilidade e a dixitalización no marco do Camiño de Santiago


Esta quenda conta con voluntarios procedentes de diferentes zonas de España e doutros países como Letonia, Estonia, Eslovaquia, Grecia ou Italia
 

Santiago de Compostela, 2 de setembro de 2022 A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, e a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, deron a benvida hoxe no Centro Superior de Hostelería de Galicia aos 22 novos voluntarios que participarán no programa Xacobeando da Xunta.

Este será o cuarto grupo de participantes da iniciativa e estarán ata finais do vindeiro mes de outubro realizando accións de conservación e difusión das diferentes rutas do Camiño de Santiago. Estes mozos, de entre 18 e 30 anos, veñen de diferentes zonas de España e doutros países como Letonia, Estonia, Eslovaquia, Grecia ou Italia. Xunto a eles, outros tantos levan desde comezos de agosto participando tamén no programa, e estarán en Galicia ata finais de setembro. A mocidade integrante do primeiro e segundo grupo rematou xa as súas accións, realizadas desde xullo ata finais do mes pasado.

Durante a súa estadía, estes voluntarios realizarán actividades en tres ámbitos: Camiño inclusivo; Camiño sostible e Camiño dixital. Deste xeito, axudados por titores e profesionais, colaborarán en aspectos como a concienciación ambiental e a posta en valor do patrimonio cultural e natural; a creación de recursos dixitais sobre a experiencia no Camiño; e o acompañamento e integración de grupos de persoas con necesidades especiais.

Diferentes localidades

Os participantes deste cuarto grupo estarán emprazados en diferentes puntos polos que pasa o Camiño, en concreto en Lugo e Baleira, por onde pasa o Camiño Primitivo; e en A Rúa e Chantada, por onde transcorre o Camiño de Inverno.

Os novos participantes coincidiron no Centro Superior de Hostelería de Galicia coas mozas de terceiro grupo de voluntarios, cuxa estadía remata neste mes de setembro. Deste xeito, os recentemente chegados poden falar con eles e intercambiar impresións do programa e das estadías que realizan.

Imaxes relacionadas