O titular do Goberno galego asiste á sinatura en Madrid dun Memorando entre a Xunta, a Organización Mundial de Turismo e a Asociación Europea de Cidades Históricas Termais

Rueda recalca a aposta da Xunta polo turismo de saúde e termal no que Galicia é un referente a nivel europeo

Destaca que a Comunidade está a cabeza de España tanto en número de instalacións como en calidade e que se trata dun sector en continuo crecemento

Subliña a importancia de contar cun recurso “de primeiro nivel” como as augas subterráneas que “cando afloran a superficie xeran riqueza e atraen turismo”

Ourense celebrará o vindeiro 27 de setembro o Congreso de turismo termal e de saúde
 

Madrid, 2 de agosto de 2022.-

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou hoxe o papel referente de Galicia no turismo termal e de saúde. “España é o segundo país de Europa con máis instalacións e promoción do termalismo e dentro de España, Galicia está á cabeza tanto en cantidade como en calidade”, asegurou tras a sinatura en Madrid dun Memorando entre o Goberno galego, a Organización Mundial de Turismo e a Asociación Europea de Cidades Históricas Termais.

 

Rueda, que tamén participou na presentación na capital do Congreso de turismo termal e de saúde que se celebrará na cidade de Ourense o vindeiro 27 de setembro, subliñou  que Galicia “é o país dos mil ríos, pero tamén o país das augas subterráneas que cando afloran á superficie dan moitísima riqueza e supoñen un impulso para o noso turismo”. “As augas termais son un recurso de primeiro nivel polo que en Galicia levamos apostando moito tempo”, sinalou.

 

Na mesma liña, o titular do Executivo resaltou que Galicia conta con todos os elementos necesarios para seguir sendo referente do ámbito, tanto a nivel de recursos –con 300 captacións de augas termais e 7 dos 8 tipos de augas medicinais—; de liderado no sector –con 21 balnearios a primeira posición en establecementos coa Q de Calidade Turística—; de vontade –coa primeira lei que regula o aproveitamento lúdico das augas, ou o impulso á Cátedra de Hidroloxía Médica da Universidade de Santiago— e medidas –como o Plan Territorial de Desenvolvemento Turístico en Destino 2023-2026, financiado con fondos Next Generation—. “O termalismo é un eido que está crecendo cada vez máis”, afirmou.

 

Ademais, o titular do Executivo autonómico cualificou o termalismo como un puntal no modelo turístico seguro, natural, de espazos abertos e de calidade que despunta despois da pandemia.

 

Así mesmo, recoñeceu a súa capacidade para desestacionalizar o turismo, diversificarlo e estendelo polas comarcas interiores. Desta forma, fixo referencia á oportunidade que supón a chegada do AVE a Ourense para atraer turistas á Galicia “máis aló dos meses centrais” do ano.

Imaxes relacionadas