Luis López destaca o apoio e compromiso da Xunta a prol da conciliación estival no rural cunha nova edición do Campamento de Forcarei

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, acompañado polo alcalde en funcións, José de la Fuente, visitou esta mañá no Centro Social aos 66 cativos participantes dunha iniciativa que tamén está descentralizada con outro grupo no auditorio de Soutelo de Montes

A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade concedeu unha axuda de case 17.000€ ao Concello de Forcarei para esta actividade ao abeiro da orde de subvencións de igualdade para entidades locais, que beneficiou a 55 concellos da provincia con 1,54 M€

As achegas para conciliación, centralizadas en campamentos e ludotecas, supuxeron unha contía total de 186.000€ e outorgáronse aos municipios de Forcarei, A Estrada, Rodeiro, Cerdedo-Cotobade, Cuntis, A Lama, Pontecesures, Catoira, Valga, Meis, As Neves e Arbo

“É unha alegría ver que tantos nenos e nenas poden ter tempo de lecer e de formación no seu concello ao tempo que se facilita a vida familiar e laboral de 52 familias de Forcarei, algo que é fundamental para fixar poboación no interior da provincia”, sinalou o representante galego

 

Forcarei, 2 de setembro de 2022.-

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, destacou hoxe en Forcarei o “enorme apoio e compromiso” do Goberno galego a prol da conciliación estival nos concellos da zona rural a través da orde de axudas da Secretaría Xeral da Igualdade para as entidades locais, que permitiron organizar ao longo deste verán unha ducia de campamentos e ludotecas na provincia de Pontevedra cunha partida global de 186.000 euros.

 

O representante autonómico fixo balance destas subvencións para conciliación a prol de doce municipios da provincia nunha visita ao 3º Campamento de Verán do Concello de Forcarei, financiado con 16.896 euros da Xunta de Galicia, xunto ao alcalde en funcións, José de la Fuente.

 

“É unha alegria ver que tantos nenos e nenas poden ter tempo de lecer e de formación nun concello como Forcarei, ao tempo que se facilita a vida familiar e laboral, é dicir, que se impulsa a conciliación, de 52 familias, algo que é fundamental para fixar poboación no interior da provincia, porque sen este servizo financiado pola Xunta, ao mellor terían que desprazase ás cidades ou vilas máis grandes”, sinalou o representante galego.

 

Luis López e José de la Fuente departiron esta mañá con algúns dos 66 cativos participantes, con idades comprendidas entre os 3 e os 12 anos, no Centro Social de Forcarei, xa que cómpre sinalar que esta actividade está descentralizada con outro grupo no auditorio de Soutelo de Montes, e entregáronlles algunhas camisolas e suaoiros do Xacobeo 2021-2022.

 

O campamento forcaricense, concibido como unha actividade lúdica e educativa no marco das accións de conciliación de Galicia, desenvolveuse dende o pasado 1 de xullo e clausurará a súa actividade o vindeiro mércores 7 de setembro –nas vésperas do inicio do curso escolar– cun horario de 9.00 a 14.00 de luns a venres no que se realizaron xogos, obradoiros, excursións ou deportes, entre outras.

 

A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade distribuíu este ano 1,54 millóns de euros a prol de 55 concellos da provincia ao abeiro das tres liñas de axudas para accións de igualdade. A principal partida, de case 1,3 millóns de euros, destinouse ao funcionamento dos Centros de Información á Muller (CIM) e a mesma completouse con 85.000 euros para programas de igualdade e prevención da violencia de xénero e 186.000 euros para iniciativas de conciliación. No marco desta terceira liña, beneficiáronse os seguintes doce municipios da provincia: Forcarei, A Estrada, Rodeiro, Cerdedo-Cotobade, Cuntis, A Lama, Pontecesures, Catoira, Valga, Meis, Arbo e As Neves, que desenvolveron campamentos e ludotecas estivais para facilitar a vida familiar e laboral.

Imaxes relacionadas