A Xunta apoiará a mobilidade xeográfica das vítimas da violencia de xénero por motivos de traballo con achegas que poderán superar os 10.000 euros

Ofrece ás traballadoras afectadas por esta lacra axudas para atender os gastos de desprazamento, mudanza, aloxamento e gardería ou coidados a persoas dependentes nas que incorran polo traslado de residencia

Coa convocatoria, hoxe publicada no Diario Oficial de Galicia, o Goberno galego acompaña ás vítimas no comezo dunha nova vida libre de violencia

Poden ser beneficiarias as mulleres recoñecidas como vítimas que se vexan obrigadas a cambiar de residencia habitual ao seren contratadas por conta allea ou establecerse como autónomas noutra localidade

O Goberno galego destina este ano máis de 6,5 millóns de euros a recursos de apoio económico para as mulleres vítimas e as súas orfas e orfos
 

Santiago de Compostela, 2 de setembro de 2022.-

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe unha nova convocatoria de axudas para apoiar ás mulleres traballadoras vítimas da violencia de xénero que se ven obrigadas a mudar a súa residencia habitual de localidade por motivos laborais a causa da súa situación. Contarán así con achegas, que poden superar os 10.000 euros, coas que se pretende cubrir parte das necesidades de transporte, aloxamento, mudanza e coidados de menores e dependentes que lles xurdan.

A Xunta de Galicia pretende con esta medida prestar un apoio económico máis a estas persoas e apoialas no comezo dunha nova vida ou situación libre de violencia.

Poden beneficiarse das axudas as mulleres que teñan acreditada a súa condición de vítimas de xeito oficial nos 24 meses anteriores ao cambio de residencia efectuado entre o 1 de xaneiro de 2020 e o 30 de novembro de 2022. As vítimas deberán ter cesado a relación de convivencia co agresor e a media dos seus ingresos brutos mensuais non poderán superar 3,5 veces o Indicador Público de Renda de Efectos Múltiples (Iprem) dos seis meses anteriores á data de solicitude.

Galicia é das poucas comunidades que conta con axudas deste tipo, inseridas, no seu caso, nas medidas que a comunidade ten en marcha no marco do Pacto de Estado contra a violencia de xénero. É ademais a primeira en estender este tipo de apoios ás mulleres que padecen violencia vicaria, é dicir, é exercida contra os seus fillos e/ou familiares directos co obxecto de prexudicalas. 

Entre os gastos financiables no marco da resolución que hoxe se leva a DOG, a Xunta inclúe o desprazamento tanto da beneficiaria como dos familiares ao seu cargo desde a localidade de orixe á nova residencia. Darase cobertura ao importe dos billetes, no caso de empregar liñas regulares de transporte público, e tamén ao custo polo emprego do vehículo particular, de ser o caso, cunha indemnización por quilómetro e polo importe das peaxes debidamente xustificadas.

Os apoios destinaranse ademais a atender gastos derivados do traslado de mobiliario de enseres ata un máximo de 2.316 euros (4 veces o Iprem actual). Tamén os de aloxamento, na súas modalidades de alugueiro ou adquisición de nova vivenda no novo destino; ou de hospedaxe da beneficiaria e das persoas integrantes da unidade familiar durante os primeiros doce meses de traballo ata un máximo de 5.790 euros (10 veces o Iprem).

O Goberno galego ten en conta tamén que coa mobilidade xeográfica, as mulleres poden ter que enfrontar gastos atención a menores ou persoas dependentes ao seu cargo, que compensará con contías máximas de 2.316 euros (4 veces o Iprem).

O prazo de solicitude ábrese mañá e permanecerá vixente ata o próximo 30 de novembro.

Apoios económicos ás vítimas

Con esta liña de achegas, a Xunta está a destinar este ano máis de 6,5 millóns de euros a apoiar economicamente ás vítimas da violencia de xénero.

A comunidade é referente ao ofrecer unha prestación periódica de ata 800 euros mensuais ás mulleres vítimas durante un ano. Desde 2009 máis de 5.300 vítimas se acolleron a esta medida.

A Xunta ten aberta de xeito ininterrompido a convocatoria de pagamentos únicos de ata 10.846€ para axudar as vítimas que pola súa idade ou outras circunstancias, presenten especiais dificultades para obter un emprego que garanta a súa integración social. Nos últimos doce anos chegaron a máis de 1.300 beneficiarias.

O Goberno galego reserva ademais 55.000 euros para garantir que as vítimas que teñen recoñecida unha indemnización por sentenza dos tribunais galegos, a reciban; e outros 70.000 para achegas directas a orfas e orfos das vítimas mortais e para as mulleres que resultan gravemente feridas durante as agresións.  

Imaxes relacionadas