A Xunta colabora cos concellos de Xinzo de Limia, Vilar de Barrio e Sandiás para formar 70 mulleres en liderado feminino e previr a violencia de xénero

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, visitou hoxe un dos obradoiros do programa ‘Hypatía’ financiado pola Xunta con 17.000 euros
 

Puxo en valor que a iniciativa teña en conta factores de discriminación múltiple como a ruralidade ou a idade no traballo coas mulleres beneficiarias
 

A Administración autonómica suma achegas por case 80.000 euros este ano ao Concello de Xinzo de Limia para o desenvolvemento de actuacións de promoción da igualdade, de conciliación e para o mantemento do seu Centro de Información á Muller

Xinzo de Limia (Ourense), 1 de setembro de 2022

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, visitou hoxe un dos obradoiros de fomento do liderado feminino que os concellos de Xinzo de Limia, Vilar de Barrio e Sandiás, na provincia de Ourense, desenvolven no marco do programa Hypatía de atención a mulleres vulnerables financiado pola Xunta de Galicia con arredor de 17.000 euros e no que toman parte 70 participantes ata o próximo 15 de setembro.

 

A iniciativa promove unha actuación multidisciplinar que pivota na formación, no benestar e na orientación laboral e social para que as mulleres melloren as súas habilidades cara ao seu liderado e empoderamento. Grazas a este programa, destacou López Abella, “estamos a brindar ás mulleres apoios para superar as súas dificultades, xerando redes positivas de aprendizaxe e motivación e desmontando estereotipos que gardan relación coa idade, o xénero, a ruralidade...”.

 

As actividades permiten ademais guiar ás beneficiarias no eido laboral, tamén para o seu autoemprego, e previr a violencia de xénero e calquera comportamento discriminatorio por razóns múltiples de discapacidade, migración, orientación sexual, idade, situación económica ou de residencia, entre outras. Para abordar estes aspectos, celébranse actos e obradoiros formativos nos que toman parte.

 

A acción Hypatía está dirixida a mulleres en situación de vulnerabilidade, con especial incidencia nas vítimas da violencia de xénero.

 

“O programa incorpora a variable de ruralidade que afecta ás usuarias dos tres concellos, polo peso económico que presenta neles o sector Primario, tendo en conta as taxas de desemprego e a dificultade dos núcleos máis pequenos para acceder aos recursos no eido da muller”, puxo en valor a secretaria xeral.

 

O acto de hoxe tivo lugar na Casa da Cultura do Concello de Xinzo de Limia, un dos espazos municipais onde se desenvolve ata mediados de mes a iniciativa, que tamén ten como sede os salóns municipais dos tres concellos colaboradores.

 

Ademais deste programa, a Xunta presta apoio neste 2022 ao Concello de Xinzo de Limia, a través da liña de axudas para o mantemento dos Centros de Información á Muller, que neste caso acada os 45.000 euros; ou de promoción de actividades de conciliación, neste caso mediante a creación dun banco de tempo que supón unha achega de 18.000 euros por parte da Administración autonómica.

Imaxes relacionadas