A Xunta inicia as obras da senda na estrada PO-551 entre a Moureira e Palmás, no concello de Moaña, que supoñen un investimento autonómico de máis de 1,6 M€
Os traballos iniciáronse agora para evitar os meses de maior intensidade de tráfico do verán e teñen un prazo de execución de 12 meses
Habilitarase unha senda peonil e ciclista, segura e accesible, pola marxe dereita da vía, de 1,7 km, desde a zona da praia da Borna ata a beirarrúa da área recreativa da Cerradiña
Esta intervención enmárcase no Plan de sendas do Morrazo, que prevé máis de 8 km de itinerarios seguros, sostibles e saudables, cun investimento autonómico superior aos 5 M€
A Xunta iniciou hoxe as obras da nova senda na estrada autonómica PO-551 entre A Moureira e Palmás, no concello de Moaña, que supoñen un investimento autonómico de máis de 1,6 millóns de euros.
A actuación céntrase na construción dunha nova senda peonil e ciclista, segura e accesible, pola marxe dereita da estrada, de 1,7 km de lonxitude, desde a zona da praia da Borna ata conectar coa beirarrúa da área recreativa da Cerradiña.
Para iniciar os traballos agardouse a comezos de setembro, para evitar os meses de maior intensidade de tráfico do verán. O prazo para a execución das obras é de 12 meses.
Nas obras que se levan a cabo desde hoxe tamén se tivo en conta a solicitude trasladada polo Concello, polo que a lonxitude da senda se ampliou respecto ao previsto inicialmente.
Esta actuación está recollida no Plan de sendas da comarca do Morrazo, que a Xunta está a desenvolver nos distintos concellos e que prevé a construción de máis de 8 km de sendas seguras, sostibles e saudables, cun investimento autonómico superior aos 5 M€.