A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, visitou hoxe aos participantes desta iniciativa, que forma parte da campaña ‘O verán que queres contar’

O programa de minicampamentos ‘Coñece Galicia’ da Xunta de Galicia remata esta semana con actividades como as do Xeocampamento do Courel

Xunto con este minicampamento na montaña lucense, tamén rematan as actividades nos minicampamentos Náutica e Audiovisual, en Sada, e Natura III, en Sanxenxo

O programa de minicampamentos permitiu a celebración de estadías de cinco días en 13 establecementos turísticos de toda a Comunidade
 

Folgoso do Courel (Lugo), 31 de agosto de 2022

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, visitou hoxe aos 20 mozos e mozas de entre 10 e 14 anos que nesta última semana de agosto desfrutan das montañas do Courel no Xeocampamento. Trátase dunha das últimas propostas das 13 que houbo ao abeiro dos mimicampamentos Coñece Galicia, que este ano acadan a súa terceira edición.

 

Dende o pasado luns 29 de agosto e ata o venres 2 de setembro, os participantes realizan actividades de coñecemento do medio natural da contorna desta zona de Lugo. En concreto levan a cabo rutas a lugares como o museo xeolóxico de Montefurado, ao Val das Mouras, á Devesa de Rogueria ou ao museo das Covas. Tamén desenvolven xogos para coñecer a natureza do Courel como xincanas e actividades cos monitores, así como outras pola noite para ver as estrelas.

 

Pola súa banda, Cristina Pichel puxo en valor a boa acollida que tivo nesta terceira edición os minicampamentos, que ademais de impulsar unha programación de lecer para as mozas e mozos de entre 10 e 14 anos, permitiron dinamizar establecementos hostaleiros nos que tiveron lugar durante os meses de verán. Xunto con este minicampamento na montaña lucense, esta semana tamén rematan as actividades Náutica e Audiovisual, en Sada, e Natura III, en Sanxenxo.

 

Nesta liña, recordou que a iniciativa está enmarcada dentro da campaña de verán máis grande ata agora realizada polo Goberno galego, O verán que queres contar. A Administración autonómica ofreceu este verán 10.800 prazas para os campamentos de verán, que supuxo un importante papel na conciliación familiar durante os meses de verán.

 

Trátase dunha actuación da Xunta de Galicia co financiamento do Ministerio de Igualdade, en desenvolvemento do Plan Corresponsables.

Imaxes relacionadas