O director xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria, Antón Acevedo, participou esta mañá no acto de presentación destas propostas formativas

A Xunta destaca a aposta de Fegaus pola formación continua e dixital dos maiores de Galicia

A entidade desenvolve este ano nove programas, o que supón a posta en marcha de 129 actividades distintas de formación
 

O Goberno galego financia o seu desenvolvemento a través das axudas con cargo ao 0,7% do IRPF cunha partida de 185.000€

Santiago de Compostela, 30 de agosto de 2022

A Xunta de Galicia destacou esta mañá a aposta da Federación Galega de Asociacións Universitarias Séniors (Fegaus) pola formación das persoas maiores de Galicia. O director xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria, Antón Acevedo, participou esta mañá na presentación das iniciativas organizadas pola entidade, que agrupa aos alumnos e exalumnos de programas de maiores das tres universidades galegas.

 

No acto, Antón Acevedo destacou a importancia de dispoñer de recursos coma este para garantir un envellecemento activo e reducir a fenda dixital aínda existente entre mozos e maiores. Os programas de Fegaus inciden precisamente na dixitalización a través de proxectos como: Bella Galicia, Banca Dixital Séniors, Dinamízate ou socialízate, algún dos cales utilizan as aulas Cemit da Administración autonómica para chegar a persoas maiores de toda a Comunidade.

 

Ademais, o director xeral salientou que estes programas teñen especial presencia no rural galego. Deste xeito, apuntou, búscase incidir nun dos obxectivos do Goberno galego como é o fomento de servizos e actividades nas zonas menos poboadas de Galicia para permitir que as persoas maiores poidan vivir no seu lugar de sempre contando coas mesmas opcións que nunha cidade.

 

Financiamento de 185.000 euros

O Goberno galego financia a posta en marcha dos programas de formación impulsados por Fegaus a través das axudas con cargo ao 0,7% do IRPF. No último ano, a Xunta destinou 185.000€ para o seu funcionamento, o que permitiu o desenvolvemento de nove programas durante este 2022 e a posta en marcha de 129 actividades de formación.

Imaxes relacionadas