A Xunta reforza a atención, promoción, inclusión e sostibilidade do Camiño Portugués a través do programa de voluntariado 'Xacobeando'

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, despediu esta mañá na praza da Peregrina aos mozos participantes, procedentes de Letonia, Estonia, Portugal, Grecia, Lituania, Italia e España
 

Desenvolveron actividades de acompañamento a persoas con necesidades especiais, realizaron accións de limpeza e concienciación ambiental, informaron das medidas anti-covid e prestaron apoio directo aos peregrinos, entre outras accións

As tarefas, realizadas ao longo dos meses de xullo e agosto, incluíron a recepción diaria, na quenda de mediodía, aos camiñantes no albergue de Pontevedra

Preto de oitenta voluntarios realizan traballos similares en todas as rutas xacobeas de Galicia ao longo de presente verán e, nalgúns casos, prolongaranse ata outubro
 

 

Pontevedra, 29 de agosto de 2022.- A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Política Social e Xuventude, vén de reforzar a atención, promoción, sostibilidade e inclusión do Camiño Portugués a través do programa de voluntariado Xacobeando, aprobado pola Axencia Executiva do Programa do Corpo Europeo de Solidariedade.

 

Deste xeito, preto dunha decena de mozos e mozas de diversos países europeos, como Letonia, Estonia, Portugal, Grecia, Lituania, Italia e España, estiveron a desenvolver durante os dous últimos meses diversas tarefas na ruta xacobea que cruza a cidade de Pontevedra para axudar aos peregrinos e para poñer en valor este percorrido cara Santiago de Compostela.

 

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, e a secretaria territorial, Marta Iglesias, mantiveron un encontro de despedida cos voluntarios na praza da Peregrina e fixeron un percorrido con eles ata o Centro de Recursos Educativos (CRE) da ONCE en Campolongo, onde realizaron unha reflexión final da súa estadía.

 

“Entre as moitas accións que desenvolve a Xunta para potenciar o Xacobeo e este dobre Ano Santo figura tamén o voluntariado, que serve para mellorar a formación de mozos europeos, ao tempo que coñecen a nosa terra, e tamén para axudar aos peregrinos con este corpo de rapazas e rapaces, que fixeron un labor transversal en moitos eidos e conseguiron que o Camiño Portugués fora aínda máis confortable para os camiñantes”, explicou o representante autonómico.

 

Entre as actividades realizadas polos voluntarios no Camiño Portugués figuraron accións de inclusión, co acompañamento de grupos con necesidades especiais en base a un protocolo elaborado por Cogami; de sostibilidade, incluíndo limpeza e concienciación ambiental; de dixitalización, coa creación de recursos e experiencias sobre o Camiño para redes sociais e novas tecnoloxías; de seguridade, centradas na información de medidas anti-covid; e de acollemento, co apoio, recepción e información aos peregrinos. Neste senso, cómpre sinalar que os voluntarios atenderon aos camiñantes todos os días de 13.00 a 15.00 horas no Albergue de Pontevedra para facilitar a súa chegada.

 

En total, preto de oitenta voluntarios de ata trinta anos están a realizar traballos similares en todas as rutas xacobeas da comunidade autónoma nestes meses centrais do verán, aínda que algúns grupos manterán esta actividade ata finais de setembro, nos camiños Francés e Inglés, e ata outubro no caso do Primitivo e o de Inverno.

Imaxes relacionadas