A Xunta convoca con case 1 M€ unha segunda edición para este ano das axudas para a contratación de vítimas de violencia de xénero nos concellos galegos

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe as bases do programa de apoios que se poden solicitar por parte das entidades locais desde mañá e ata o 29 de setembro
 

O Goberno autonómico financia as retribucións salariais brutas totais das mulleres durante un máximo de doce meses nas entidades que as contraten para realizar obras ou servizos de interese social ou xeral
 

A primeira convocatoria de 2022, que se publicou a principios de ano, contou cun orzamento de 1,4 millóns, o que permitiu a contratación de 66 mulleres en 34 entidades locais

Santiago de Compostela, 29 de agosto de 2022

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe unha segunda convocatoria para este ano das axudas da Xunta destinadas á contratación por parte das entidades locais de mulleres vítimas de violencia de xénero. Nesta segunda edición, o orzamento é de case un millón de euros. Os concellos, grupos de municipios, consorcios ou mancomunidades poderán solicitar estes apoios desde mañá e ata o próximo 29 de setembro.

 

Para a Xunta, a independencia económica é clave para garantir que as mulleres en situación de violencia de xénero consigan maior estabilidade persoal, social e laboral. A convocatoria que hoxe recolle o DOG supón un paso máis no camiño da recuperación ao artellar axudas dirixidas ás entidades locais para que contraten a mulleres que sofren violencia de xénero e que, a curto prazo, non poden acadar un posto de traballo no mercado laboral ordinario.

 

O Goberno galego financia deste xeito a contratación das mulleres vítimas por parte dos entes locais ou agrupacións de municipios, para a realización de obras ou servizos de interese xeral ou social. De resultar beneficiarios, recibirán a contía necesaria para sufragar as retribucións salariais brutas totais, incluída a parte proporcional das pagas extraordinarias e as cotas á Seguridade Social a cargo da entidade empregadora das mulleres incorporadas, ata un máximo de 12 mensualidades.

 

As destinatarias finais serán mulleres que sofren violencia de xénero, incluídas as mulleres vítimas de violencia vicaria ou de trata con fins de explotación sexual que consten como inscritas como demandantes de emprego ou teñan solicitada mellora de emprego por medio do Servizo Público de Emprego de Galicia. Trátase de axudalas a acadar unha maior autonomía a través da promoción da súa independencia e liderado, reforzando ao tempo unha posterior inserción laboral estable.

 

A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade publicou a principios de ano a primeira convocatoria deste programa para 2022 cunha contía de 1,4 millóns de euros, o que permitiu a contratación de 66 mulleres por parte de 34 entidades locais.

 

Desde o ano 2019 a Xunta, incluídos os datos da primeira edición de 2022, apoiou a través desta liña a contratación de 293 mulleres vítimas de violencia de xénero por parte das entidades locais, destinando a esta finalidade máis de 6,3 millóns de euros.

Imaxes relacionadas