A Xunta destina preto de 6 M€ a proxectos de cooperación para o desenvolvemento

As convocatorias publicadas no primeiro semestre do ano permitirán o financiamento de 37 proxectos

Trátase das liñas de cooperación no exterior e de axuda humanitaria, que promoven especialmente accións orientadas a facilitar a loita contra as consecuencias da pandemia da covid-19 nas comunidades máis vulnerables

Santiago de Compostela, 28 de agosto de 2022

A Xunta destina preto de seis millóns de euros a proxectos de cooperación para o desenvolvemento ao abeiro das convocatorias publicadas e resoltas no primeiro semestre do ano, o que vai permitir o financiamento de 37 proxectos de actuacións no exterior.

Trátase de dúas convocatorias, de proxectos de cooperación no exterior e de acción humanitaria. No marco da Estratexia de resposta á covid-19 da cooperación galega, ambas liñas promoven especialmente proxectos orientados a facilitar a loita contra a pandemia e as súas consecuencias nas comunidades e persoas máis vulnerables, entre outras crises existentes.

Así, a convocatoria bienal de axudas para proxectos de cooperación no exterior vai beneficiar 23 proxectos de ONGD e cinco doutros axentes no período 2022-2023. A iniciativa conta cun investimento de 5,4M€, o que representa un 8% máis que o ano anterior. Deste total, 4,7 M€ se destinan a actuacións promovidas por ONGD e 700.000 euros ás doutros axentes.

Países prioritarios de cooperación

Cómpre sinalar que a meirande parte se van desenvolver en países prioritarios da Cooperación Galega consonte o IV Plan director. Trátase de Guatemala, con seis proxectos, Nicaragua, Honduras e Bolivia, todos con catro, República Dominicana, con tres, Perú, Ecuador e Mozambique, con dous, e O Salvador, Cabo Verde e Guinea Bissau con cadanseu proxecto. A maiores figura tamén a India cunha actuación.

Un total de 23 ONGD promoven estes proxectos, seis deles en agrupación. Trátase de Asemblea de Cooperación pola Paz, AGARESO, Fundación Entreculturas Fe y Alegría, Taller de Solidaridad, Fundación Balms para a Infancia, Arquitectura Sin Fronteras, Asociación Promoción y Desarrollo, Manos Unidas, Fundación Fabre e Fundación Ayuda en Acción. A elas súmanse Asociación Amigos da Terra, Fundación Vicente Ferrer, Fundación Tierra de Hombres-España, Asociación Movimiento por la Paz, el Desarme y la Libertad, Farmacéuticos Mundi, Enxeñería Sen Fronteiras, Fundación CUME, Solidariedade Internacional de Galicia, Fundación InteRed, EDUCO, Sólida, Solidariedade Galega e SODePaz

No caso das axudas concedidas a outros axentes, as entidades impulsoras das actuacións son: Innovación, Cooperación, Cartografía e Territorio, Fundación Mujeres, Fundación Galicia Innova e a Universidade de Vigo.

Acción humanitaria

Canto á convocatoria de acción humanitaria, dotada cun orzamento de 400.000 euros para proxectos que se desenvolvan ao longo deste ano, vai permitir o financiamento de seis iniciativas. Nesta liña, vanse apoiar intervencións no norte de Mozambique a prol da calidade e acceso aos servizos de saúde, en Kenia e Marrocos, para asistencia á poboación refuxiada e migrante, e no Salvador, de protección integral a persoas LGTBI+. A axuda chegará tamén a Honduras, con resposta á emerxencia por secas e covid, e á Franxa de Gaza, para a prestación de servizos médicos.

Nestes casos, as entidades que promoven estes proxectos son Médicos del Mundo, Asemblea de Cooperación por la Paz, Farmacéuticos Mundi, Fundación Entreculturas Fe y Alegría, Solidariedade Internacional de Galicia e Asociación Movimiento por la Paz, el Desarme y la Libertad.

Imaxes relacionadas