A Xunta destaca o éxito da Liga Galega das Traiñeiras que aumenta cada ano a súa participación, afección e repercusión

O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa e o delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, participaron no acto oficial de clausura da tempada, que rematará mañá coas probas finais da regata Teresa Herrera da Coruña nas que se coroarán os equipos vencedores das categorías A e B masculina e a Feminina da Liga

O Goberno galego incrementou este ano a súa achega ata os 115.000 euros á organización deste evento deportivo a través dun acordo coa Asociación Liga Norte
 

A Coruña, 27 de agosto de 2022.-.

O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete, acompañado polo delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, participou hoxe no acto oficial de clausura da Liga Galega de Traiñeiras, que rematará mañá na Coruña co XXXVII Trofeo 12ª Bandeira de Traiñeiras Teresa Herrera Masculino e o VI Trofeo 1ª Bandeira de Traiñeiras Teresa Herrera feminino. A competición remata esta fin de semana na enseada do Orzán despois de 35 regatas que supuxeron que esta 18 edición da Liga contase cun total de 28 equipos nas súas tres categorías -as Ligas A e B masculina e Liga Feminina- con máis de 600 remeiros e remeiras.

 

Lete Lasa lembrou que a Liga Galega de Traiñeiras converteuse desde a súa primeira tempada nunha competición consolidada cun incremento continuado de participación e afección. A esta tendencia contribuíu -destacou- a división da categoría masculina en dúas ligas distintas no 2012 e a creación tres anos despois da Liga feminina, que este ano acadou o seu récord de participación.

 

Tamén incidiu no éxito da tempada tanto a nivel de organización como deportivo e a oportunidade que supón cada ano para dar a coñecer este deporte, un dos máis tradicionais da comunidade, e ao mesmo tempo os portos das localidades que acollen as distintas regatas, coma neste caso A Coruña.

 

Ademais, neste ano recuperouse a retransmisión a través da Televisión de Galicia, en concreto de oito regatas ao longo da tempada, o que supón un maior escaparate e unha maior promoción das traiñeiras e do deporte do remo en xeral. Con ese obxectivo colabora tamén a Xunta coa Asociación Liga Noroeste (ALN), organizadora da competición, e a Federación Galega de Remo para que as novas xeracións se animen a practicar este deporte de tanto arraigo na comunidade e facilitar o paso de xuvenil a sénior.

 

No que se refire á organización da Liga Galega de Traiñeiras masculina e feminina, a Vicepresidencia Segunda da Xunta destinou a esta edición 115.000 euros para a súa organización, o que supón un incremento de preto dun 5% con respecto ao exercicio anterior.

 

Récord participación feminina

As bandeiras Teresa Herrera culminan as 34 regatas entre as tres categorías nas que competiron os 28 equipos participantes -12 na Liga A masculina, 7 na Liga B masculina e 9 na Liga feminina, unha cifra nunca antes acadada- aos que José Ramón Lete agradeceu o seu esforzo e dedicación desexándolle sorte aos que resultaron elixidos nas probas clasificatorias de hoxe para loitar mañá polo título en cada modalidade.

 

Na Liga A competiron o SD Tirán-Pereira, SD Samertolameu-Oversea, CM Bueu-Teccarsa, CR Cabo de Cruz, CR Mecos, CDM Meira, CR Puebla, CR Rianxo, CCD Cesantes-Rodavigo, CR Narón, CM Mugardos e CR Chapela-Wofco. Pola súa parte, na Liga B participaron o CR Muros, CR Salgado-Perillo, CR Cedeira, CR Vila de Cangas, SD Samertolameu-Oversea B, Amegrove CR e CM Castropol.

 

Canto á competición feminina, tiveron representación o CR Cabo da Cruz, CR Chapela-Wofco, CR Salgado-Perillo, SD Tirán Pereira, CRN Riveira, CR Rianxo, CR Puebla, CM Castropol e CM Mugardos- A Cabana Ferrol.

Imaxes relacionadas