A conselleira do Mar, Rosa Quintana, participou na inauguración da III Feira da Conserva

A Xunta destaca o sector transformador de produtos do mar como referente internacional e un elo vital para proporcionar alimentos de calidade á cidadanía

As exportacións galegas de produtos do mar marcaron o ano pasado un novo récord ao superar os 2.400 millóns de euros e chegar a máis de 120 países

Rosa Quintana valorou o esforzo realizado por esta industria ao apostar continuamente pola innovación para adaptarse ás demandas dos consumidores

Destacou que a terceira edición desta feira constata a súa fortaleza pois foi creada en plena pandemia para poñer en valor o bo traballo do sector e, especialmente, o das empresas locais

Vilanova de Arousa (Pontevedra), 26 de agosto de 2022

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, participou hoxe na inauguración da III edición da Feira da Conserva de Vilanova, onde destacou o papel transcendental que ten o sector transformador de produtos do mar na subministración de alimentos saudables á cidadanía. “A conserva galega é sinónimo de calidade”, asegurou a responsable autonómica incidindo na importancia dunha industria que é tamén referente a nivel internacional.

Neste sentido, a titular de Mar lembrou que Galicia exportou o ano pasado produtos do mar por valor de máis de 2.400 millóns de euros, o que supón un novo récord exportador do sector. Unhas cifras que, engadiu, colocan a Galicia como décima exportadora mundial de produtos da pesca con vendas en máis de 120 países.

Rosa Quintana indicou que este feito referenda o esforzo realizado por unha industria que aposta continuamente pola innovación e por adaptarse ás demandas dos consumidores, o que a fai moi competitiva. Así, apuntou que eventos coma este de Vilanova poñen en valor o bo traballo de todo o sector e, especialmente, o das empresas locais.

Por iso, desexou que esta feira, que conta coa colaboración da Xunta, siga consolidándose nos vindeiros anos e permita amosar a riqueza do mar de Galicia e as posibilidades culinarias das conservas galegas. Ao mesmo tempo subliñou que este evento, que naceu no primeiro ano da pandemia polo coronavirus, xa ten amosado a súa fortaleza e representa un apoio importante para a actividade do concello, da comarca do Salnés e para as familias que viven do sector transformador local.

Nesta liña, a conselleira quixo agradecer o labor do Concello na organización desta feira e o seu esforzo por mantela e reforzala, xa que este ano habilitará por primeira vez un espazo para degustar os produtos mercados nos stands.

A III Feira da Conserva

Na terceira edición da Feira da Conserva de Vilanova, que se celebra ata o vindeiro domingo nas inmediacións do Xardín Umbrío, participarán arredor dunha ducia de empresas co obxectivo poñer en valor os diferentes produtos que se extraen do mar ou que os acompañan a través de múltiples receitas.

Ademais haberá actividades complementarias como un taller titulado Ciencia divertida para as familias, catro showcookings a cargo do chef Miguel Mosteiro e actuacións musicais que aportarán o toque lúdico a estas xornadas.

Imaxes relacionadas