O conselleiro de Sanidade destaca os fitos conseguidos polo Complexo Hospitalario Universitario da Coruña nos seus 50 anos de existencia

Julio García Comesaña felicitou a todos os profesionais por contribuír a dar resposta ás necesidades da saúde das persoas

A Coruña, 26 de agosto de 2022

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, asistiu hoxe a unha das actividades que forman parte dos diversos actos establecidos con motivo da conmemoración dos 50 anos de vida do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña, “período no que se acadaron fitos tan importantes como o primeiro transplante dun órgano en Galicia”. Así o remarcou o responsable da sanidade pública galega, na visita á Exposición “La Voz de Galicia-50 aniversario do Chuac”.

 

O conselleiro agradeceu o esforzo dos que levaron a cabo esta empresa e lembrou aos profesionais e pacientes que viviron os logros acadados polo hospital nestes 50 anos. Durante esta época, “contribuíuse á formación dos profesionais procedentes de distintos puntos xeográficos e incluso se avanzou no implante do primeiro corazón artificial de Galicia”.

 

Tal e como remarcou Comesaña, “non faltaron os premios a profesionais do hospital; nin as liñas en relación ás mulleres na ciencia, con profesións vencelladas á química, a bioloxía molecular ou a enxeñaría biomédica”.

 

Máis recentemente, -proseguiu o conselleiro-, incorporouse unha máquina que recrea as condicións ideais para que o fígado sobreviva fóra do organismo.

 

Por todo o traballado realizado, o titular da carteira sanitaria do Executivo galego felicitou a todos os profesionais “por contribuír a dar resposta ás necesidades da saúde das persoas” e deu grazas aos que colleron a remuda daqueles primeiros profesionais “e seguen a mellorar a eficiencia dos servizos”.

 

Ao acto de hoxe tamén asistiron, o primeiro tenente de alcalde, concelleiro de Relacións Institucionais, Turismo e Seguridade Cidadá do Concello da Coruña, Juan Ignacio Borrego; o delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor; o xerente da área sanitaria, Luis Verde; así como a xefa territorial de Sanidade, Cristina Pérez.

Imaxes relacionadas