A delegada territorial da Xunta en Ferrol visitou aos participantes nesta actividade de tecnificación que desenvolve o Club Tenis de Mesa Cidade de Narón no Val

Martina Aneiros destaca o campus de tenis de mesa “Tenistas no Camiño” na posta en valor do Camiño Inglés dende una perspectiva multidisciplinar

Un total de 25 mozos e mozas, de entre 10 e 16 anos e procedentes de Galicia, Asturias e Portugal, toman parte na cita que se levou a cabo esta semana

Trátase dunha das iniciativas da comarca beneficiarias do programa O Teu Xacobeo 2022 e conta cunha achega de preto de 9.000 euros
 

Narón (A Coruña), 26 de agosto de 2022

A delegada da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, visitou esta mañá aos 25 rapaces que están a participar durante esta semana no campus de tecnificación de tenis de mesa, “Tenistas no Camiño”, unha das iniciativas da comarca beneficiarias do programa O Teu Xacobeo 2022 que a Xunta apoia con preto de 9.000 euros.

 

A actividade, organizada polo Club Tenis de Mesa Cidade de Narón e na que participan mozos e mozas de entre 10 e 16 anos procedentes de Galicia, Asturias e Portugal, consiste nun campus de tecnificación combinado con actividades de lecer coas que se pretende dinamizar o patrimonio de natureza e cultural de Ferrolterra. Ao mesmo tempo, os participantes interactúan coa sociedade colocando mesas ao aire libre para promocionar este deporte como a instalada o pasado mércores no Cantón de Molíns (Ferrol).

 

A delegada territorial puxo en valor o respaldo da Xunta a este tipo de propostas culturais e deportivas “que axudan a poñer en valor o Camiño de Santiago, e especialmente o noso Camiño Inglés, dende unha perspectiva multidisciplinar que abarca áreas como o arte, o audiovisual, a gastronomía, e neste caso o deporte”.

 

O campus “Tenistas no Camiño” arrincou o pasado luns e se desenvolve ata mañá na parroquia naronesa do Val. Os participantes pernoitan no convento de Baltar e, en horario de mañá, desenvolven os adestramentos no pavillón da parroquia. Polas tardes alternaron as exhibicións con propostas de carácter máis lúdico como unha visita a praia de Campelo ou andainas pola Ruta dos Muíños ou a Senda Ártabra. A actividade concluirá mañá coa celebración dun torneo aberto no pavillón do Val, de dez a cinco da tarde.

 

Imaxes relacionadas