A Agasp acolle desde hoxe ata o domingo o encontro profesional de árbitros de balonmán da comunidade

Máis dun cento de participantes entre árbitros da categoría nacional e internacional así como aspirantes en formación recibirán preparación de profesionais expertos nesta actividade organizada pola Federación Galega de Balonmán

A Academia cede as súas instalacións ás federacións deportivas galegas para levar a cabo concentracións ou labores de tecnificación e seguimento
 

 A Estrada (Pontevedra), 26 de agosto de 2022  A Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP) acolle desde hoxe ata o domingo o stage arbitral organizado pola Federación Galega de Balonmán, que reúne árbitros deste deporte no territorio galego e das súas distintas categorías: nacional, territorial e aspirantes en formación. En total, case un cento de persoas recibirán estes días nas instalacións da Academia preparación impartida por árbitros con experiencia acreditada nesta disciplina como Alberto Rodríguez, Rafael Mosquera, Nacho Moyano ou Marcos Outeda.

Entre as actividades previstas inclúense tres probas físicas diferentes ademais de abordar conceptos como novas regras e sistemas de xogo ou a relación entre adestrador e arbitraxe. Os participantes poderán facer uso do novo pavillón deportivo cuberto que se construíu este ano na Academia.

A concentración lévase a cabo no marco do convenio asinado en 2018 entre a AGASP e a Secretaría Xeral para o Deporte que permite poñer a disposición das federacións deportivas galegas as instalacións da Academia. Ao permitir facer uso da residencia e da nova pista cuberta, equipos e profesionais federados poden realizar as súas concentracións sen saír do recinto da Academia para adestrar.

A AGASP está considerado centro de referencia estatal na formación das forzas e corpos de seguridade e dos efectivos dos servizos de emerxencias que se preparan no recinto e as súas instalacións cumpren con todas as condicións necesarias para prestar un servizo de calidade a estes profesionais e a deportistas galegos.

A Academia conta cun recinto pechado de máis de 180.000 metros cadrados de superficie no que se sitúa a edificación principal, de 12.000 metros cadrados. Dispón dunha residencia, diferentes tipos de aulas, laboratorios, salas de estudo, conferencias e de xuntas, un salón de actos, unha biblioteca, áreas de esparexemento, cafetería e restaurante. Canto ás instalacións deportivas, xunto co novo pavillón a Academia conta tamén con ximnasio, piscina ou campo de tiro.

Cómpre lembrar que xunto con esta concentración de árbitros de balonmán da comunidade na AGASP, este deporte será protagonista en Galicia tamén desde hoxe ata o domingo na Copa e Supercopa Galicia de balonmán, a maior festa desta disciplina deportiva no territorio galego, que se celebrará nas instalacións do Pavillón O Gatañal de Cangas e reunirá os mellores equipos tanto a nivel masculino coma feminino.

Imaxes relacionadas