A Xunta participa nos actos de homenaxe aos falecidos nos naufraxios do ‘Ángel’ e o ‘Villa de Pitanxo’

Moaña (Pontevedra), 25 de agosto de 2022

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, participou hoxe na parroquia de Meira, en Moaña, na homenaxe celebrada na honra dos seis falecidos e o único supervivente do naufraxio do barco Ángel, que afundiu en 1968 na zona de cabo Home, coincidindo coas festas da localidade do Samertolameu e a Virxe do Carme. A representante do Executivo galego, que estivo acompañada pola delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, foi a encargada de entregarlle o correspondente recoñecemento a José Costa, máis coñecido como Pepe Ciprián, o único mariñeiro que salvou a vida no afundimento deste buque e que perdeu a tres familiares no fatídico suceso.

No acto, que incluíu a inauguración dun monumento en recordo das vítimas, tamén se rendeu unha sentida homenaxe aos 21 falecidos no afundimento do Villa de Pitanxo o pasado mes de febreiro en augas de Terranova. A Xunta súmase ás mostras de cariño cos familiares das vítimas e agradece o importante labor que realizan as xentes do mar de Galicia en todos os caladoiros do mundo e que sitúa á comunidade como un dos principais referentes internacionais neste eido.

Imaxes relacionadas