A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, visitou os participantes nesta actividade enmarcada dentro da campaña ‘O verán que queres contar’

A Xunta fomenta o deporte e o lecer activo no minicampamento ‘Aventura en Paradanta’, en Covelo

Esta é a terceira e última quenda da iniciativa, que inclúe distintas e visitas pola zona nas que participan esta semana 20 mozos galegos de entre 10 e 14 anos

Covelo (Pontevedra), 25 de agosto de 2022

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, visitou hoxe os participantes no minicampamento Aventura en Paradanta que ten lugar no concello de Covelo. Trátase dunha actividade enmarcada na campaña de verán deste ano do Goberno galego da que desfrutan ata este venres 20 mozos e mozas de toda Galicia.

 

Estes minicampamentos Coñece Galicia permiten a estancia durante cinco días nun establecemento turístico da zona e unha completa programación de actividades. Así, os participantes, de entre 10 e 14 anos, visitan lugares próximos como a localidade portuguesa de Monção, o río Xabriña ou un lagar de cera, e desfrutan de tardes de xogos na área recreativa da Canuda e de deportes como rafting no Miño, paddle surf ou tiro con arco.

 

Durante o seu encontro con este mozos e mozas, Cristina Pichel puxo en valor a variada oferta da campaña de verán da Xunta de Galicia. Ademais, destacou que todas as actividades desta campaña permiten a adquisición de coñecementos e fortalecen as habilidades dos mozos en distintos ámbitos como o das relacións sociais.

 

O verán que queres contar

Nesta campaña, o Executivo autonómico oferta máis de 10.800 prazas, o maior número da historia. Ademais de minicampamentos como o de Covelo, esta oferta inclúe campamentos convencionais, campos de voluntariado e prazas para a organización de actividades por parte de entidades sociais.

 

Trátase dunha actuación da Xunta de Galicia co financiamento do Ministerio de Igualdade, en desenvolvemento do Plan Corresponsables.

Imaxes relacionadas