O DOG publica a convocatoria para a concesión de bolsas de persoas colaboradoras no Centro Galego de Tecnificación Deportiva para o curso 2022/2023

O prazo de aplicación ás bolsas, destinadas a estudantes de ensinanzas universitarias ou ciclos formativos de grao superior, é dun mes dende a publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia

Santiago, 25 de agosto de 2022.-

O Diario Oficial de Galicia vén de publicar hoxe a orde do 8 de agosto de 2022, da Secretaría Xeral para o Deporte, pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de bolsas, en réxime de concorrencia competitiva, para persoas colaboradoras na residencia do Centro Galego de Tecnificación Deportiva para o curso 2022/2023, e pola que se procede a súa convocatoria.

 

En total convócanse 6 prazas de colaboradores, precisando polo menos 3 prazas ocupadas polo mesmo sexo (feminino ou masculino), co obxectivo de ter unha representación con paridade para poder garantir unha correcta atención ao colectivo de deportistas do centro, aínda que o número de prazas ofertadas poderá modificarse en función das necesidades derivadas da aplicación das medidas de protección estatais ou autonómicas para facer fronte á situación provocada pola pandemia.

 

Os beneficiarios das bolsas completan a súa formación como estudantes á vez que se familiarizan con actividades relacionadas coas saídas profesionais dos estudos que están a cursar. Ademais, estas persoas disporán do aloxamento de domingo a venres e manutención completa -de luns a venres-, servizo de lavandaría, instalacións deportivas, servizo médico-deportivo e servizo de fisioterapia. A concesión destas bolsas é compatible coa obtención de axudas ao estudo, agás aquelas que teñan como compoñente o pagamento de gastos de comedor e/ou residencia escolar.

 

As bolsas terán, como mínimo, unha duración dun curso escolar (de setembro a xuño) e poderán ser prorrogadas ata que a persoa beneficiaria remate os seus estudos sempre que cumpran cos requisitos e obrigas recollidas na convocatoria. O prazo de presentación das solicitudes será dun mes contado desde o día seguinte ao da publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Se o último día de prazo fora inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte.

 
 
 
 

Imaxes relacionadas