A Xunta acomete melloras nunha ducia de colexios e institutos públicos do Salnés para o curso 2022/2023 cun investimento de 2 M€

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, informou das actuacións educativas en marcha na comarca arousana nunha dobre visita aos CEIP de San Tomé e Plurilingüe de Castrelo, no Concello de Cambados, que tamén se atopan en obras

A Consellería de Educación tamén está a investir nos colexios de Vilaxoán, Viñagrande-Deiro, Portonovo, As Bizocas, Antonio Magariños e Noalla e nos institutos de Vilalonga, Monte da Vila, Armando Cotarelo e As Bizocas

No centro cambadés de Santomé estanse a renovar os falsos teitos e as luminarias cunha partida de 43.000€, mentres que no de Castrelo acométese unha reforma eléctrica integral cun orzamento de 37.000€

“Pretendemos que todos os centros de bisbarra estean nas mellores condicións para o curso que comeza o 8 de setembro e por iso impulsamos dende proxectos estruturais ata pequenas actuacións para que sexan espazos confortables e eficientes”, explicou Luis López

Cambados, 24 de agosto de 2022

A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, está a acometer melloras, con diferentes graos de envergadura, nunha ducia de colexios e institutos públicos da comarca do Salnés de cara ao curso académico 2022/2023 cun investimento global de 2 millóns de euros.

 

En concreto, o Goberno galego está a executar a renovación de cubertas no CEIP de Vilaxoán (Vilagarcía de Arousa) cun orzamento de 275.000 euros, a mellora das carpintarías no CEIP Viñagrande-Deiro (Vilanova de Arousa) por 115.000 euros, a rehabilitación integral do CEIP de Portonovo (Sanxenxo) por 848.000 euros, a reparación de estruturas no CEIP As Bizocas (O Grove) por 8.000 euros, a renovación do pavimento da sala de usos múltiples do CEIP Antonio Magariños (Cambados) por 8.000 euros e a reforma da instalación eléctrica no CEIP de Noalla (Sanxenxo) por 37.000 euros.

 

No que respecta aos institutos, estanse a substituír as cubertas do IES de Vilalonga (Sanxenxo) cun investimento de 370.000 euros, a renovar as cubertas e as fachadas do IES As Bizocas (O Grove) por 139.000 euros, a realizar unha reparación estrutural no IES Monte da Vila (O Grove) por 17.000 euros e a mellorar o acceso ao semisoto do IES Armando Cotarelo (Vilagarcía de Arousa) por 33.000 euros.

 

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, informou desta relación de obras educativas para a bisbarra arousana xunto ao xefe territorial de Educación, César Pérez, e representantes municipais, directivos e docentes de Cambados nunha dobre visita aos colexios públicos de San Tomé e Plurilingüe de Castrelo, que tamén se atopan en obras e completan a lista de centros mellorados ao longo deste verán na zona.

 

No CEIP de San Tomé estanse a cambiar os falsos teitos e as luminarias para mellorar a confortabilidade do centro e para evitar risco de accidentes por desplome dos anteriores materiais cun investimento de 43.000 euros, mentres que no centro de Castrelo procédese á reforma de toda a instalación eléctrica coa dotación de novos cadros de protección cunha partida de 37.000 euros.

 

“Pretendemos que todos os centros da bisbarra do Salnés estean nas mellores condicións para o curso que comeza o 8 de setembro, en apenas dúas semanas, e por iso, dende a Xunta impulsamos numerosas obras atendendo ás necesidades de cada colexio e instituto e que van dende ambiciosos proxectos estruturais ata pequenas actuacións que, en todo caso, buscan o mesmo obxectivo de que os centros sexan espazos confortables, eficientes, ventilados e multifuncionais atendendo aos criterios do Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica”, explicou o representante autonómico.

Imaxes relacionadas