A Policía Autonómica esclarece un incendio no concello de Rianxo producido por bombas de palenque durante as festas

No que vai de ano, a Policía Autonómica leva investigadas 38 persoas como presuntas autoras de incendios forestais

Santiago de Compostela, 24  de agosto de 2022

A Policía Autonómica vén de esclarecer un incendio forestal rexistrado o pasado sábado, 21 de agosto, no concello de Rianxo que afectou máis de 1 hectárea de monte raso.

 

Axentes do Grupo de Investigación de Incendios da xefatura da Policía Autonómica en Santiago de Compostela tomaron declaración a unha persoa como presunta autora do lume producido na parroquia de Isorna, que lanzou bombas de palenque con motivo das festas da zona.

 

Cómpre aclarar que a Lei 3/2007 do 9 de abril de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia regula a utilización de fogos de artificio e outros artefactos pirotécnicos na época de perigo de incendios, a cal se debe realizar por persoal cualificado, con autorización do correspondente concello. Nos casos que o risco de incendio sexa declarado extremo prohíbese o uso destes artefactos en todos os terreos forestais e zonas de influencia forestal e entenderanse como revogadas todas as autorizacións concedidas anteriormente para esa data.

 

A Policía Autonómica remitiu o atestado sobre os feitos ao Xulgado de Instrución en funcións de Garda de Padrón.

 

No que vai de ano, a Policía Autonómica leva investigadas 38 persoas como presuntas autoras de incendios forestais.

 

Ante a climatoloxía actual, a Xunta apela á concienciación e á prudencia nos accesos e traballos en terreos agrarios de cara a evitar o rexistro de incendios. Así mesmo, o Goberno galego lembra que está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar en caso de detectar algún lume forestal. Ademais, existe un teléfono anónimo e gratuíto para denunciar calquera actividade delituosa incendiaria da que se teña sospeita ou coñecemento: 900 815 085.