A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, asistiu hoxe á presentación deste evento organizado pola asociación xuvenil Arousa Moza

A Xunta colabora na celebración da IV edición ‘Arousa Inspira’ a través do programa iniciativa Xove

O Diario Oficial de Galicia publicou a semana pasada a resolución da última convocato-ria de axudas do programa Iniciativa Xove que permite ofrecer recursos económicos á xuventude para facer realidade os seu proxectos

Nesta edición concedéronse axudas a 85 proxectos de asociacións xuvenís e grupos informais no marco deste programa

Desde a súa posta en marcha, no ano 2010, esta iniciativa da Xunta de Galicia permitiu o impulso de 1600 programas

A través deste evento, Arousa Moza desenvolve actividades co obxectivo de dar a co-ñecer o patrimonio propio e dar visibilidade ao talento mozo da comarca

Vilagarcía de Arousa (Pontevedra), 24 de agosto de 2022

A Xunta colabora no desenvolvemento da IV edición do festival Arousa Inspira a través do programa Iniciativa Xove. Este evento, impulsado pola asociación xuvenil Arousa Moza, ten como obxectivo dar a coñecer o patrimonio propio e dar visibilidade ao talento mozo da comarca. A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, asistiu hoxe á rolda de prensa da asociación para presentar o programa no Espazo Xove de Vilagarcía.

 

No marco deste festival, os voluntarios levan a cabo xincanas infantís para nenos e nenas así como concertos e espectáculos de artistas da comarca. Baixo o lema Non hai fronteiras, a asociación desenvolve un programa de actividades cun enfoque multicultural e tolerante. Ademais, por primeira vez, o festival terá lugar tanto no concello de Vilanova de Arousa como de Vilagarcía. Dentro da programación, tamén se inclúen os certames de fotografía e poesía para fomentar a creatividade dos máis novos.

 

A directora xeral lembrou que a través do programa Iniciativa Xove, a Xunta de Galicia ofrece recursos económicos á xuventude para levar a cabo iniciativas que lle permitan facer realidade os seus proxectos. Así mesmo, apuntou que a semana pasada saíu publicada a resolución no Diario Oficial de Galiciano que se concretan os beneficiarios da última convocatoria de axudas. Trátase de 85 novos proxectos de asociacións xuvenís e grupos informais.

 

Axudas de ata 5000 euros

Desde a posta en marcha de Iniciativa Xove, no ano 2010, o Goberno galego destinou máis de 6 millóns de euros a axudar á mocidade galega a impulsar 1600 proxectos. A convocatoria deste ano conta cun orzamento de 400.000 euros que permite que as asociacións xuvenís ou grupos informais accedan a unha axuda de ata 5000 euros para iniciar novos proxectos.