García Comesaña agradece o traballo dos profesionais do Sergas e anticipa a asignación das 106 prazas de especialista en atención primaria

“Todos eles foron fundamentais para atender a demanda sanitaria no que vai de verán, dando un elevado nivel de servizo e satisfacción a todos os usuarios”, sinalou García Comesaña tras manter un encontro este luns cos representantes dos traballadores do Sergas

O titular da Sanidade galega lamenta tamén “o uso partidista” dalgunhas organizacións “para desmerecer e criticar o traballo dos profesionais da sanidade”

Santiago de Compostela, 24 de agosto de 2022

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, mantivo este luns un encontro cos representantes dos traballadores do Servizo Galego de Saúde na mesa sectorial para, entre outras cousas, recoñecer o traballo que desenvolven os profesionais que integran todos os ámbitos da sanidade galega.

 

García Comesaña, quen aproveitou o encontro para presentar á recentemente nomeada nova xerente do Sergas, Estrella López-Pardo, e estivo acompañado tamén pola directora xeral de Recursos Humanos, Ana Comesaña, quixo amosar o seu agradecemento a todos os profesionais da Atención Primaria ordinaria dos 463 centros de saúde de Galicia, aos traballadores dos 100 Puntos de Atención Continuada e dos 14 centros hospitalarios, así como ao persoal da Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia 061 e da Central de Coordinación do 061.

 

En palabras do conselleiro de Sanidade, “todos eles foron fundamentais para atender a demanda sanitaria no que vai de verán, dando un elevado nivel de servizo e satisfacción aos usuarios, tanto aos galegos como a aquelas persoas que nestas semanas nos visitaron”.

 

O titular da sanidade galega destacou tamén que as estivais “foron xornadas onde se combinou unha alta intensidade e calidade na asistencia co correspondente descanso dos propios profesionais, nun momento complicado ademais, polas ausencias imprevistas que tamén se produciron e polo impacto aínda da pandemia da covid”. A pesar desta situación, García Comesaña indicou que “a prestación sanitaria desenvolveuse, e iso foi, sen dúbida, grazas ao traballo e a disposición dos profesionais sanitarios”.

 

O conselleiro aproveitou o encontro coa mesa sectorial para trasladar este recoñecemento aos representantes dos traballadores sanitarios, e lamentou “o uso partidista que algunhas organizacións esta facendo, unha vez máis, da Sanidade, para desmerecer e criticar o traballo destes profesionais”.

 

Durante a xuntanza, García Comesaña tamén trasladou o estado do proceso de asignación das 106 prazas en propiedade para cubrir vacantes de Atención Primaria en prazas de difícil cobertura. Un proceso pioneiro no Sistema Nacional de Saúde, mediante o sistema de concurso de méritos, que durante os meses de verán seguiu o seu curso, estando xa próximo o momento da asignación das prazas.

 

Así mesmo, o conselleiro comunicou ás organizacións sindicais do ámbito sanitario o estado da Lei de medidas para mellorar a cobertura dos hospitais comarcais e á saúde mental, unha normativa que facilitará e acelerará o proceso de novas prazas por concurso de méritos, sen oposición.

 

García Comesaña agradeceu tamén o traballo intenso da Dirección Xeral de Recursos Humanos do Sergas, con importantes negociacións da mesa sectorial, que non se suspenderon no verán. Na actualidade, está a negociarse o novo pacto, os procesos selectivos de consolidación coa convocatoria de enfermaría xa realizada, o plan de ordenación de Atención Primaria, así como as medidas para melloras económicas en Atención Primaria e medidas organizativas e de xestión nos PAC.

 
Estabilización do persoal e ampliación prazas MIR
 

Na mesma liña, informou que as prioridades do Sergas pasan fundamentalmente pola estabilización do persoal . Neste sentido, puxo en valor o concurso anual de traslados para mobilidade, o pacto de selección temporal de médicos especialistas e o traballo do Consello Técnico de Atención Primaria. Así mesmo, salientou o incremento de prazas MIR, que supuxo un gasto de 5 millóns este ano para investir no futuro da substitución de persoal.

 

Tamén, detallou o estado da demanda da Consellería de Sanidade, xunto con outras seis comunidades autónomas, para a ampliación, na próxima convocatoria, do número de prazas MIR, ata acadar as 1.000 adicionais ás existentes. Deste xeito poderase comezar, tras catro anos de inacción do Ministerio de Sanidade, á corrección entre o número de MIR formados e os profesionais que se xubilan. Esta demanda foi aprobada por maioría no Congreso dos Deputados, co voto en contra do PSOE e do BNG.

 

Imaxes relacionadas