A Xunta solta na praia de Esmelle seis últimos polos de píllara das dunas criados en catividade esta campaña no Centro de Recuperación da Fauna de Oleiros

A delegada territorial, Martina Aneiros, participou no acto, xunto a persoal técnico e representantes da USC e da Sociedade Galega de Historia Natural

A acción forma parte do programa de conservación ex situ desta especie que desenvolve a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e que promoveu a solta de 40 polos esta campaña, 28 deles en praias de Ferrolterra
 

Ferrol, 23 de agosto de 2022.-

A delegada da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, acompañada de persoal técnico e os representantes da USC, Jesús Domínguez e María Vidal, participou onte na solta de seis exemplares de píllara das dunas na praia de Esmelle.

 

Esta acción enmárcase dentro do plan de recuperación desta especie promovido pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, en colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela e a axuda de entidades colaboradoras como foi neste caso a Sociedade Galega de Historia Natural.

 

Concretamente forma parte do programa de conservación ex situ que se ven desenvolvendo mediante a incubación e cría en catividade no Centro de Recuperación da Fauna Silvestre de Oleiros. Alí se criaron esta campaña 40 polos desta especie -12 soltáronse nas dunas de Corrubedo, tres na praia de Vilarrube (Valdoviño) e os 25 restantes no areal de Esmelle, os seis últimos da campaña esta mesma mañá-.

 

Aneiros, aproveitou a ocasión para poñer en valor o traballo que se desenvolve dende a Consellería e a implicación do persoal técnico, tanto dos axentes medioambientais como do vixiantes. Ademais lembrou que a preservación da flora e da fauna autóctonas forman parte do día a día destes traballadores, cuxa labor principal consiste na protección do patrimonio natural e en eliminar ou advertir os posibles perigos e ameazas que pesan sobre o mesmo.

 

O obxectivo do proxecto é que a píllara das dunas volva recolonizar o norte da provincia da Coruña onde se ten detectado un descenso da poboación nos últimos anos, segundo explicou a bióloga da USC, María Vidal Malde. “Temos constatado que polos anelados nacidos en praias de Ferrolterra, criaban noutras praias de Galicia como a costa de Bergantiños ou no Barbanza; por iso pensamos que é unha estratexia boa liberalos nas praias desta comarca”, sinalou a experta.

Imaxes relacionadas