A Xunta de Galicia estuda co sector da coxeración medidas que lle permitan manter a competitividade industrial

A secretaria xeral de Industria, Paula Uría, reuniuse por videoconferencia cos representantes da Asociación Española para a Promoción da Coxeración (Cogen España) e a Asociación Española de Coxeración (Acogen) onde avaliaron as repercusións que está tendo a exclusión deste sector do mecanismo de excepción ibérica por parte do Goberno central

A Administración autonómica avoga polo deseño de medidas consensuadas cos diferentes sectores que dean resposta á situación actual

Santiago de Compostela, 22 de agosto de 2022

A secretaria xeral de Industria, Paula Uría, mantivo un encontro con representantes da Asociación Española para a Promoción da Coxeración (Cogen España) e a Asociación Española de Coxeración (Acogen) dentro da ronda de contactos que o Goberno galego está a manter con diferentes axentes para escoitar as súas necesidades e traballar en novas medidas consensuadas que dean resposta á situación enerxética actual.

 

Na reunión constatouse a preocupante situación do sector da coxeración que, coas medidas adoptadas polo Goberno central en materia enerxética, estase vendo obrigado a diminuír a súa produción ou mesmo paralizar a súa actividade ante a imposibilidade de asumir os prezos actuais. Isto está provocando unha importante perda de competitividade industrial -a coxeración é unha ferramenta clave de eficiencia enerxética xa que xera electricidade e calor que se aproveita nos procesos produtivos-, tendo en conta que Galicia conta con 51 instalacións de coxeración que achegan ao redor dun 12% da enerxía eléctrica e que están presentes en eidos estratéxicos como a madeira, a alimentación, o papel ou o refino, entre outros.

 

No encontro, ambas as dúas partes coincidiron na necesidade de solicitar ao Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico que estableza un regulamento adecuado para que o réxime retributivo se adapte aos custos de explotación ou inclúa a coxeración no mecanismo de compensación. Deste xeito preténdese subsanar o desequilibrio creado ao excluír este sector do mecanismo de excepción ibérica por parte do Goberno central. Neste sentido, a Xunta xa enviou unha carta, este mesmo mes, á vicepresidenta terceira e ministra para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, Teresa Ribera, expresando a preocupación pola situación e a necesidade de corrixir este desequilibrio, que está impactando na competitividade industrial e podería afectar, tamén, ao emprego.

 

Con este encontro, a Xunta mantén o seu compromiso de dialogar cos sectores as propostas a trasladar dentro do Plan de Continxencia; colaborando así co Goberno e mudando a situación actual, onde impuxo unha serie de iniciativas sen contar coas comunidades autonómas e cos sectores produtivos, entre eles o da coxeración.

Imaxes relacionadas