A Xunta apoia a contratación de 29 mulleres vítimas da violencia de xénero en entidades sen ánimo de lucro

A Xunta convocou por segundo ano esta liña de axudas á que destina máis de medio millón de euros para fomentar a inserción laboral destas mulleres vulnerables

Os apoios diríxense a entidades e cooperativas sen ánimo de lucro

O Goberno galego traballa coa prioridade de garantir a independencia económica das vítimas de violencia de xénero e que poidan avanzar na súa recuperación

Grazas a esta medida, en dous anos terase garantida a incorporación laboral de máis de 60 mulleres

Santiago de Compostela, 22 de agosto de 2021

Un total de 29 vítimas da violencia de xénero poderán ser contratadas en 16 entidades ou cooperativas sen ánimo de lucro, no marco dos apoios que, por segundo ano consecutivo, a Xunta destina a favorecer a empregabilidade destas mulleres vulnerables.

Con esta liña, dotada con 550.000 euros, o Goberno galego segue a garantir unha  oportunidade laboral para que as vítimas desta lacra poidan avanzar no camiño da súa recuperación.

A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade iniciou a comunicación ás entidades beneficiarias da resolución das axudas que este ano se financian con fondos REACT-UE no marco do programa operativo FSE Galicia 2014-2020 como parte da resposta da Unión Europea á pandemia da covid-19.

A medida está destinada a impulsar a independencia económica das vítimas. Para a Xunta é clave garantir que as mulleres en situación de violencia de xénero consigan maior estabilidade persoal, social e laboral.

Para acadalo, artéllanse apoios que van dos que van dos 15.940 aos 31.881 euros anuais para a contratación por parte das entidades de cada muller contratada a tempo completo, en función do seu grupo de cotización. Ademais establécese que a duración dos contratos chegue como mínimo aos catro meses en xornadas completas ou parciais (neste caso, nunca por baixo do 50%).  

As destinatarias finais son vítimas da violencia de xénero -incluídas as afectadas por violencia vicaria, así como mulleres vítimas de trata con fins de explotación sexual- inscritas como demandantes de emprego ou de mellora do mesmo no servizo de emprego de Galicia.

A convocatoria do ano pasado permitiu a incorporación laboral dun total de 32 traballadoras vítimas da violencia de xénero, ás que se veñen sumar as 29 desta segunda edición das axudas.

A medida entronca cos apoios que a Xunta de Galicia, a través da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade destina aos concellos cada ano para a incorporación de vítimas da violencia de xénero. A Xunta destinou xa este ano un orzamento de 1,4 millóns de euros a sufragar a contratación de mulleres vítimas por parte de 32 concellos e 2 mancomunidades que ten por beneficiarias a 66 mulleres. Está previsto abrir nas próximas semanas unha segunda edición destes apoios.

Imaxes relacionadas