A Xunta encarga por case 150.000 € a cartografía previa para poder redactar os plans básicos de 6 concellos

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda acaba de adxudicar este servizo en dous lotes, o que permitirá comezar a traballar sobre o territorio de Antas de Ulla, Chandrexa de Queixa, San Amaro, Negueira de Muñiz, Pantón e Montederramo

Una vez asinados os contratos, as empresas adxudicatarias disporán de 6 meses para completar a base cartográfica destes municipios, que se suman así aos 18 que actualmente xa teñen ou están a traballar para dotarse desta ferramenta urbanística

Santiago de Compostela, 21 de agosto de 2022

A Xunta de Galicia acaba de adxudicar por un importe de case 150.000 euros o servizo para a obtención da cartografía previa e necesaria para poder redactar os plans básicos municipais de seis concellos. Son, en concreto, os municipios lucenses de Antas de Ulla, Negueira de Muñiz e Pantón, e os ourensáns de San Amaro, Chandrexa de Queixa e Montederramo.

 

Divididos en dous lotes, as empresas adxudicatarias disporán dun prazo de 6 meses —a contar desde a sinatura dos contratos— para completar os traballos e obter a base cartográfica das 65.560 hectáreas que abranguen estes municipios, información que se utilizará como punto de partida para a elaboración dos correspondentes PBM.

 

Cómpre lembrar que este instrumento de planeamento foi creado a través da Lei do solo e está pensado para que os concellos de menos de 5.000 habitantes e sen planeamento xeral —37 en toda Galicia— poidan desenvolver certa actividade urbanística pero sen establecer criterios de crecemento urbano.

 

Neste sentido, os plans básicos veñen a completar o abano de figuras normativas e de medidas que aprobou o actual Goberno galego desde o ano 2009 para acadar un urbanismo sostible e responsable, como son as Directrices de ordenación do territorio, o Plan de ordenación do litoral, a Estratexia da paisaxe galega, o Plan básico autonómico, ou a lei do solo e a de ordenación do territorio.

 

Deste xeito, a Xunta segue a apostar polos plans básicos municipais como unha ferramenta útil e axeitada para responder ás necesidades urbanísticas particulares dos municipios máis pequenos, avanzando na tramitación dos que xa están redactados e impulsando a elaboración doutros novos. De feito, estes 6 municipios sumaranse aos 18 que actualmente xa teñen ou están a traballar para dotarse do seu propio plan básico.

 

Cómpre lembrar que o pasado 5 de agosto foi aprobado de forma definitiva o PBM do Concello de Trabada, o primeiro de toda Galicia. No caso de Riotorto, o documento xa obtivo o informe favorable da Xunta Consultiva en materia de ordenación do territorio e urbanismo, trámite previo á súa aprobación, prevista para o mes de setembro.

 

Por outra banda, os concellos de Ribeira de Piquín, Triacastela, Cartelle, Padrenda, Porqueira, San Xoán de Río e O Páramo están pendentes de obter todos os informes favorables preceptivos, mentres que no caso de Alfoz, Guntín, Samos, Beariz, Lobeira, Punxín, San Cristovo de Cea, Viana do Bolo e Dozón estase rematando a redacción do borrador do plan e o documento ambiental estratéxico para poder iniciar o procedemento de avaliación ambiental.