A Xunta abre unha enquisa en liña para coñecer as inquedanzas da xuventude galega e promover novas accións para a mocidade

Forma parte da fase de elaboración do ‘Plan Estratéxico de Xuventude de Galicia 2022-2027’, que tamén escoitará á xente nova da nosa comunidade a través de foros de debate presenciais

Santiago de Compostela, 20 de agosto de 2022

A Xunta de Galicia abriu o prazo para que as mozas e mozos que o desexen participen na elaboración do novo Plan Estratéxico de Xuventude de Galicia 2022-2027. Poden facelo a través dun formulario webque xa está dispoñible na páxina da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado.

 

Esta enquisa en liña, que permanecerá aberta ata o 30 de setembro, está especialmente dirixida aos galegos de entre 14 e 30 anos e as respostas que se obteñan formarán parte da análise para orientar o contido do novo plan de Xuventude. Neste formulario, a Administración autonómica pregunta polos principais temas que lle preocupan á mocidade e a importancia que teñen para ela distintos ámbitos de actuación de carácter transversal da Xunta. Estes tamén poden apuntar tres propostas para seguir mellorando o futuro da xente nova.

 

A Xunta de Galicia impulsa esta consulta pública para escoitar a opinión dos máis novos sobre as políticas que máis lles afectan. Así, esta estratexia 2022-2027, que da continuidade á de 2021, establecerá os obxectivos, ámbitos de actuación e liñas de acción específicas para responder ás súas demandas, que se recollerán tamén a través de foros de debate presenciais conforme vaia avanzando a elaboración do plan.

 

18,5 millóns de euros para a Xuventude

Neste 2022, o Goberno galego inviste na resposta ás necesidades dos máis novos 18,5 millóns de euros a través da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado. Entre os programas que ten en marcha esta área destacan: a campaña de verán, que supón unha importante alternativa de conciliación para as familias; o Xuventude Mentoring, que conseguiu que 200 mozos tivesen a súa primeira experiencia laboral o pasado ano; o programa Xuventude Crea, que premia as creacións artísticas da mocidade en 14 disciplinas distintas; o Carné Xove, que leva décadas ofrecendo descontos á xuventude, ou os Espazos Xoves, que lle ofrecen propostas de ocio, formación e participación.

Imaxes relacionadas