A Xunta aposta pola dixitalización da saúde pública, coa promoción do software de xestión de laboratorio para esta Dirección Xeral da Consellería de Sanidade

O proxecto conta cun presuposto base de licitación que supera os 400.000 euros; outras liñas de traballo fan alusión á axilización dos procesos e a mellora da eficiencia en todo o sistema vencellado á saúde pública

Ademais do software de xestión de Laboratorio de Saúde Pública, dentro dos procesos de dixitalización, destaca o Observatorio de Saúde Pública e a plataforma de contidos de hábitos de vida saudable
 

Santiago de Compostela, 19 de agosto de 2022.-

A Xunta vén de licitar un contrato para a subministración, instalación e posta en marcha dun software de xestión de laboratorio (LIMS) para a Dirección Xeral de Saúde Pública. O conselleiro de Sanidade xa anunciara nunha visita ao Laboratorio, situado en Lugo, investimentos para renovar e modernizar o equipamento deste centro. En palabras de García Comesaña, “o maior investimento nun só exercicio dende a posta en marcha do Laboratorio” co que se terían investido nel “preto de 4 millóns de euros dende 2015”.

O Laboratorio de Saúde Pública é a unidade provedora das determinacións analíticas derivadas dos programas de vixilancia e control oficial que realiza a Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade no ámbito da protección da saúde, tanto no caso da seguridade alimentaria como da sanidade ambiental.

Para a contratación do software prevese un presuposto base de licitación que supera os 400.000 euros. Financiado ao 100 % no marco do eixo REACT-UE do programa operativo FEDER Galicia (2014-2020). Esta contratación pon de manifesto a aposta da Xunta pola saúde pública. En primeiro lugar, coa automatización dos procesos relacionados coa vixilancia epidemiolóxica, os programas de cribado e a xestión das vacinas. Así mesmo, tamén se promoven accións arredor da Escola Galega de Saúde Pública, en prol da promoción da formación interna e externa; e da investigación e innovación en saúde pública.

Outra das liñas, diríxese á dixitalización neste ámbito. Mostra diso é o proxecto do Observatorio de Saúde Pública para Galicia, a plataforma de contidos sobre hábitos de vida saudables, ou o software de xestión de laboratorio (LIMS) para a Dirección Xeral de Saúde Pública.

En definitiva, con esta contratación incídese na axilización dos procesos, facilitando a comunicación entre os distintos departamentos e, polo tanto, a mellora da eficiencia en todo o sistema.