A Xunta amplía ata o 2 de novembro o prazo para poder optar a préstamos sen xuros para rehabilitar vivendas


Con esta decisión búscase facilitar que as persoas interesadas nalgunha das subvencións convocadas este ano para recuperar ou mellorar a eficiencia enerxética de inmobles residenciais poidan beneficiarse de ambos programas

Grazas aos préstamos para rehabilitación, o Goberno galego asume entre o 80% e o 100% dos intereses correspondentes en función dos ingresos dos solicitantes

Esta liña de incentivos, que tamén ofrece vantaxes como a exención de comisións, conta para este ano cun orzamento global de 400.000 €, o dobre que en 2021
 

 Santiago de Compostela, 19 agosto de 2022  A Xunta de Galicia acaba de ampliar ata o vindeiro 2 de novembro o prazo para que todas as persoas interesadas poidan acollerse este ano ao seu programa de préstamos con xuros subvencionados para actuacións de rehabilitación en edificios e vivendas de uso residencial.

 

Deste xeito, tal e como se recolle na resolución que publica hoxe o Diario Oficial de Galicia, tanto particulares como comunidades de propietarios disporán de dous meses máis para presentar as súas solicitudes, xa que, cómpre lembrar, o último día fixado na convocatoria era o 1 de setembro.

 

Estas axudas financeiras á rehabilitación son compatibles con outros programas convocados pola Xunta co fin de apoiar aos cidadáns na promoción de obras e intervencións que contribúan á recuperación do patrimonio residencial xa construído. Por iso, a Xunta decidiu estender o prazo de solicitude dous meses máis co fin de facilitar que aquelas persoas en disposición de pedir tamén outras axudas, poidan acceder a estes préstamos vantaxosos e chegar así ao maior número de beneficiarios.

 

Neste sentido, cómpre subliñar que no marco dos encontros #ConstruíndoFogar que organizou a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda nos últimos meses para dar a coñecer a trintena de programas previstos para este ano no eido da vivenda, animouse á cidadanía de maneira especial a solicitar as novas ordes de subvencións financiadas cos fondos europeos do Plan de recuperación.

 

Trátanse, en concreto, de programas destinados a financiar a rehabilitación de vivendas e edificios —facendo fincapé naquelas obras que buscan mellorar ou garantir a eficiencia enerxética dos inmobles recuperados— e son compatibles coa referida liña de préstamos.

 
Convenio do IGVS con entidades financeiras

Polo que respecta ao funcionamento do programa de préstamos para rehabilitación, cómpre subliñar que son concedidos por entidades financeiras que teñen un convenio co Instituto Galego da Vivenda e Solo —Abanca, Caixa Rural Galega, CaixaBank, Banco Sabadell e Deutsche Bank— para poder ofrecer aos solicitantes créditos nunhas condicións máis vantaxosas que as que atoparían no mercado.

 

Os propietarios teñen a posibilidade de acceder a un préstamo de ata 60.000 euros, no caso de ser con garantía hipotecaria, ou dun máximo de 30.000 euros se é con garantía persoal, que terán que devolver en, como moito, 180 cotas (15 anos). No caso das comunidades de propietarios, o importe límite do préstamo será de 20.000 euros por vivenda —o dobre que en 2021— e o prazo de amortización estenderase ata os 10 anos.

 

A achega autonómica poderá chegar a ser do 100% dos xuros durante os primeiros anos de préstamo aínda que dependerá da situación económica de cada solicitante. Deste xeito, se a familia beneficiaria ten uns ingresos inferiores a 4 veces o IPREM, non terá que abonar nada en concepto de intereses durante un período de 4 anos; e en caso de que se sitúen entre 4 e 5,5 veces o IPREM, a subsidiación será do 80% durante 3 anos.

 

Pola contra, se o titular acredita uns ingresos de entre 5,5 e 6,5 veces o IPREM ou ben o solicitante é unha comunidade de veciños, non terán dereito a ningunha bonificación sobre os xuros aínda que si poderán beneficiarse das condicións vantaxosas que lles garanten estes préstamos como son, por exemplo, a exención de comisións.

 

Para a concesión destas axudas en forma de subsidiación de xuros, a Xunta ten reservados este ano 400.000 euros, o dobre que en 2021. En todo caso e tendo en conta as achegas que farán tamén os propietarios, a previsión é que con esta medida se xere un investimento inducido de 5 millóns de euros en obras de rehabilitación de vivenda.

 

En canto ao tipo de actuacións que se poderán acoller ao programa, inclúense obras de mellora estrutural e construtiva, das condicións de habitabilidade e da eficiencia enerxética; adaptación á normativa sobre accesibilidade; adecuación do acabado xeral aos principios de boa construción; e, por primeira vez este ano, tamén obras de ampliación, sempre e cando estean vinculadas a proxectos de rehabilitación que supoñan unha mellora da habitabilidade, da eficiencia enerxética e/ou da accesibilidade.

 

O IGVS puxo en marcha esta iniciativa no ano 2017 e, desde entón, realizou xa 5 convocatorias nas que concedeu un total de 142 axudas económicas directas para a subsidiación dos xuros de préstamos para rehabilitación de inmobles residenciais.