O director xeral de Inclusión Social, Arturo Parrado, visitou esta mañá as instalacións da entidade lucense

A Xunta pon en valor o traballo en favor da integración socio-laboral que desenvolve ‘Mujeres en Igualdad’ de Lugo

A Administración autonómica financia con 300.000 euros diferentes programas formativos que ten en marcha esta asociación

Foz (Lugo), 18 de agosto de 2022.-

O director xeral de Inclusión Social, Arturo Parrado, destacou hoxe a importante labor que realiza no eido da integración a Asociación Mujeres en Igualdad na provincia de Lugo. Fíxoo durante unha visita ás instalacións desta entidade á que a Xunta de Galicia achega 300.000 euros para o desenvolvemento de diferentes programas formativos.

 

Arturo Parrado fixo fincapé na formación como ferramenta fundamental para avanzar na inclusión das persoas e colectivos con máis dificultades. Con este obxectivo, Mujeres en Igualdad leva a cabo cursos dirixidos a fomentar a inclusión básica, a integración sociolaboral e a transición de emprego, ademais de accións de mediación social e intercultural para a poboación migrante.

 

Mujeres en Igualdad é unha organización sen ánimo de lucro que leva 30 anos traballando pola consecución da igualdade de oportunidades e dereitos entre mulleres e homes. Dende 1997 xestionan tres centros de acollida para mulleres vítimas de violencia de xénero e para os seus fillos menores de idade. Así mesmo, a entidade ofrece o seu apoio a persoas en situación de vulnerabilidade.

Imaxes relacionadas