A Xunta pon en valor o traballo do persoal profesional do Centro de Información á Muller de Soutomaior no que se atenderon a 745 veciñas desde o ano 2015

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, visitou hoxe as instalacións, onde tamén se presta servizo e asesora á poboación de Pazos de Borbén e Vilaboa en materia de igualdade e violencia de xénero

O Goberno galego apoiou este ano o funcionamento deste CIM con 53.275 euros

Lorenzana destaca o investimento de 1,3 millóns na provincia de Pontevedra para financiar o labor dos 27 CIM pontevedreses que dan cobertura a 50 concellos
 

Soutomaior (Pontevedra), 18 de agosto de 2022.-

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, puxo en valor hoxe o traballo diario que desenvolve o persoal profesional que está ao fronte do Centro de Información á Muller (CIM) de Soutomaior, onde se presta servizo e asesora en materia de igualdade e violencia de xénero tamén ás mulleres de Pazos de Borbén e Vilaboa. Este centro recibiu este ano o apoio económico da Xunta -53.275 euros- para garantir o seu funcionamento. “De nada serve a cooperación entre administracións sen os axentes clave, como son as traballadoras dos CIM, que logo materializan eficazmente as actuacións”, apuntou.

En palabras de Lorenzana, os CIM configúranse como un conxunto de “recursos de proximidade” desde os que se articula unha “intervención global” dirixida especificamente ás mulleres, prestando servizos multidisciplinares como asesoramento xurídico, atención psicolóxica, orientación sociolaboral, así como calquera outro tipo de información encamiñada a apoiar ás mulleres para a consecución da igualdade plena. O CIM de Soutomaior, que conta con tres profesionais (a axente de igualdade, a asesora xurídica e a psicóloga e directora) atendeu desde 2015 a un total de 745 mulleres en temas moi diversos, principalmente relacionados coa custodia de menores, pensións alimenticias ou violencia machista.

Galicia conta na actualidade cunha rede de 84 CIMs que dá cobertura de maneira universal e gratuíta a 193 concellos, dos que 27 están emprazados na provincia de Pontevedra, dando cobertura a 50 localidades, o 81% da provincia. Estes centros pontevedreses, segundo detallou a conselleira, recibiron este ano o apoio económico da Xunta con 1,3 millóns de euros. O financiamento para toda Galicia ascendeu ata os 4 millóns de euros, incrementándose o orzamento con respecto a 2021 para atender as 84 solicitudes de axuda recibidas.

A conselleira, neste senso, destacou o compromiso da Xunta cos CIM, onde lembrou que calquera muller que o precise pode dirixirse para atopar asesoramento en materia de igualdade e violencia de xénero e afirmou que a Administración autonómica traballa para ampliar esta rede e chegar ao 100% dos concellos galegos.

Imaxes relacionadas