A Xunta e a Fundación GoodJob colaboran na inclusión laboral de persoas con discapacidade no ámbito da ciberseguridade

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia apoiará o Programa #include a través do nodo galego de ciberseguridade CIBER.GAL
 

O convenio que acaba de asinarse permitirá acometer accións destinadas á detección e creación de postos de traballo nas empresas que colaboran co nodo
 

A Xunta colaborará na realización e difusión de actividades formativas que permitan ás persoas con algunha discapacidade obter, entre outros, os certificados de profesionalidade
 

A Axencia autonómica facilitará a interlocución entre a Fundación e os diferentes departamentos da Xunta

Santiago de Compostela, 18 de agosto de 2022

A Xunta, a través da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, acaba de asinar un convenio coa Fundación GoodJob para favorecer a inclusión sociolaboral de persoas con discapacidade e facilitar a resposta á alta demanda de profesionais da ciberseguridade en empresas e institucións.

 

A Axencia autonómica proporcionará apoio institucional, a través do nodo galego de ciberseguridade CIBER.GAL, nas actividades relacionadas co Programa #include da Fundación. Así mesmo, facilitará a participación de GoodJob nos espazos e eventos organizados polo nodo que se consideren adecuados para a consecución dos obxectivos do convenio, que permitirá a realización de accións destinadas á detección e creación de postos de traballo para persoas con discapacidade nas empresas que colaboran con CIBER.GAL.

 

O acordo tamén fomenta a realización e difusión de actividades formativas en materia de ciberseguridade que melloren as posibilidades de obter emprego das persoas con algunha discapacidade. Entre elas, a Axencia colaborará nas actividades de GoodJob destinadas á obtención dos certificados de profesionalidade, ademais doutras formacións adaptadas.

 

A fundación GoodJob é unha entidade sen ánimo de lucro enfocada á inserción laboral de persoas con discapacidade, preferentemente no mercado ordinario de emprego. Ten en marcha accións concretas relacionadas coas tecnoloxías como o Programa de Empregabilidade en Ciberseguridade para Persoas con Discapacidade (IMPACT#include).

 

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia facilitará a interlocución entre GoodJob e os distintos departamentos da Administración Xeral da Comunidade Autónoma no ámbito das actuacións do convenio.

Imaxes relacionadas