Os beneficiarios das axudas da Xunta para corrixir impactos paisaxísticos terán un mes máis para poder xustificar as obras realizadas nos seus inmobles

A ampliación do prazo do 30 de setembro ata o 31 de outubro responde ao elevado número de expedientes tramitados este ano e á concentración de solicitudes en zonas territoriais pequenas onde escasea a man de obra especializada neste sector

Máis dun milleiro de galegos recibirá incentivos de ata 3.000 € para mellorar o aspecto exterior das súas vivendas e inmobles e fomentar a integración co entorno

Grazas a esta liña de axudas e á dirixida ás entidades locais co mesmo fin, a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda mobilizará en 2022 un total de 6,5 M€ en investimentos destinados a implantar o ‘fermosismo’ na Comunidade
 

Santiago de Compostela, 18 de agosto de 2022

Os particulares que resultaron beneficiarios este ano das axudas para a corrección de impactos paisaxísticos da Xunta disporán dun mes máis de prazo para poder executar e xustificar os investimentos previstos nas súas propiedades con este fin.

 

Así se recolle na resolución publicada hoxe no Diario Oficial de Galicia e en virtude da cal se modifica a data límite inicialmente fixada na orde de axudas convocada por segundo ano consecutivo polo Instituto de Estudos do Territorio (IET).

 

Neste sentido, cómpre indicar que a ampliación do prazo do 30 de setembro ata o 31 de outubro responde, por unha banda, ao elevado número de expedientes tramitados ao abeiro da convocatoria deste ano, que recibiu case 2.000 solicitudes e derivou nunha ampliación de crédito e nunha tramitación máis complexa; e por outra, á concentración de solicitudes en zonas territoriais bastante pequenas onde escasea a man de obra especializada nestes traballos, incidindo nos prazos de execución das obras a realizar.

 

En concreto, a medida pretende facilitar que os máis de mil galegos que resultaron beneficiarios este ano poidan recibir as axudas previstas, que cubrirán ata o 70% do investimento subvencionable, cun importe máximo de 3.000 euros.

 

Cómpre subliñar que estes incentivos van dirixidos a actuacións como o revestimento e/ou pintado de paramentos cegos de fachada rematados con materiais ou solucións construtivas non axeitadas para quedar á vista; a renovación do acabamento de fachadas, carpinterías ou cerrallarías exteriores; o remate do acabado exterior de cubertas; o revestimento de cerramentos de fincas feitos en ladrillo ou formigón sen revestir; e a recuperación, restauración ou arranxo de muros de pedra tradicionais.

 

A maior parte das subvencións deste ano concedéronse na provincia da Coruña, con 333 axudas en 78 concellos por un importe de máis de 900.000 euros. Séguelle Lugo, con 313 subvencións concedidas en 61 municipios por preto de 880.000 euros. No caso de Ourense, destináronse algo máis de 500.000 euros a 195 axudas en 59 localidades, e en Pontevedra outorgáronse 184 axudas en 47 concellos, por algo máis de 500.000 euros.

 

Son, en total, 1.025 subvencións dirixidas a propietarios particulares para apoialos á hora de acometer actuacións que melloren a imaxe das súas vivendas e inmobles, unha cifra que representa máis do dobre das axudas concedidas o ano anterior.

 

O éxito da convocatoria de 2022, de feito, vén ratificar a boa acollida e o interese cada vez maior que ten entre a sociedade galega esta orde de axudas, impulsada pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda a través do IET o ano pasado no marco da súa aposta polo fermosismo e co obxectivo de avanzar na integración do patrimonio xa construído co seu entorno e cos diferentes tipos de paisaxe.

 

Grazas a esta liña de incentivos e á orde convocada tamén este ano co mesmo fin dirixida ás entidades locais, estímase que a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda mobilizará investimentos por un total de 6,5 millóns de euros en actuacións de corrección de impactos paisaxísticos en máis de 260 concellos galegos.

 

Destes fondos, 2,8 millóns de euros serán axudas directas a particulares, ás que haberá que sumar outros 800.000 euros destinados aos concellos. Tendo en conta que a Xunta non cubre a totalidade do custo das actuacións subvencionables, o resto do investimento previsto corresponderase coas achegas que fagan as administracións locais e os particulares.

Liña de subvencións a concellos

No caso concreto das axudas a concellos para mellorar o aspecto tanto de edificios e dependencias destinadas á prestación de servizos municipais (Liña I) como de certos equipamentos públicos ou instalacións de titularidade municipal (Liña II), cómpre lembrar que este ano se concederon un total de 42 solicitudes.

 

No que respecta á distribución das axudas por provincias, 9 concellos coruñeses recibiron algo máis de 225.000 euros; en Lugo, concedéronselle a 16 municipios case 240.000 euros; 15 localidades ourensás acadaron preto de 300.000 euros; e no caso de Pontevedra, 2 concellos recibiron unha achega total de 36.000 euros.

 

A contía máxima das axudas neste caso tamén é do 70% do investimento subvencionable cun límite de 40.000 euros por concello —20.000 euros por cada liña—.

 

Imaxes relacionadas