Galicia vai afondar no labor de promoción dos produtos do mar e no fomento do seu consumo

A Coruña, 18 de agosto de 2022.-

O director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Antonio Basanta, visitou hoxe a Lonxa da Coruña e mantivo un encontro cos seus responsables para analizar distintas cuestións de interese para a frota como o consumo e a comercialización dos produtos do mar. Neste sentido, o representante da Consellería do Mar trasladou que a Xunta vai afondar no labor que xa está a desenvolver para a promoción dos produtos do mar de Galicia así como para o fomento do seu consumo. 

O Executivo galego vai continuar coas distintas campañas de promoción dos peixes e mariscos que ten en marcha e dirixidas aos diferentes segmentos da poboación, como a xenérica GALICIA SABE AMAR e as específicas para as mozas e mozos -Vai de peixe, para a xeración millennial- ou rapaces en idade escolar. Ademais dos asuntos relacionados coa promoción e o consumo, o director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica analizou co sector outras cuestións como a lei estatal de pesca sostible, a xestión da frota, as distintas liñas de axudas que o sector ten á súa disposición e as perspectivas que ofrece o novo Fondo Europeo Marítimo de Pesca e Acuicultura (Fempa).

Imaxes relacionadas