Lorenzana avoga en Boqueixón por unha conciliación corresponsable para acadar a incorporación plena da muller ao mercado de traballo

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, visitou hoxe o programa Verán Activo que financia a Xunta con 18.000 euros e conta coa participación de máis de 100 nenas e nenos de entre 3 e 12 anos

Lorenzana tamén visitou en Boqueixón o Centro de Información á Muller (CIM) que presta servizo, ademais, ás localidades de Vedra e Touro e conta co apoio económico da Xunta de 28.000 euros

A Administración autonómica destinou este ano á provincia da Coruña máis de 1,9 millóns de euros para potenciar a conciliación e promover a igualdade e a prevención da violencia de xénero, así como apoiar aos CIM
 

Boqueixón (A Coruña), 17 de agosto de 2022.- A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, avogou hoxe en Boqueixón por unha conciliación corresponsable, na visita que realizou ao programa Verán Activo que financia a Xunta con 18.000 euros e no que participan máis de 100 nenas e nenos de entre 3 e 12 anos, o que permite ás familias do municipio conciliar, ao tempo que se ofrece unha alternativa de lecer aos máis pequenos.

Lorenzana explicou que é un eixo prioritario da Xunta que as mulleres e os homes teñan as mesmas oportunidades en igualdade de condicións e, por iso, destacou que o Goberno galego aposta por políticas de conciliación corresponsable para conseguir a incorporación plena da muller ao mercado laboral e a súa permanencia no mesmo, fomentando, ademais, a súa autonomía e independencia económica das mulleres que teñan fillos menores ou familiares ao seu cargo. “Son valores, ademais, que debemos inculcar aos máis novos”, engadiu.

A conselleira apuntou, así mesmo, que a conciliación da vida persoal, laboral e familiar e a corresponsabilidade debe implicar a toda a sociedade, polo que subliñou a importancia de artellar “respostas conxuntas, marcos de colaboración nos que cooperemos todos os axentes involucrados, como a Administración autonómica, as entidades locais e o tecido asociativo e empresarial”.

Neste senso, puxo en valor os programas de conciliación da vida familiar e laboral que están a desenvolver numerosos concellos e mancomunidades galegas co apoio económico da Xunta durante períodos non lectivos, con especial reforzo no verán. En Verán Activo, o programa lúdico-educativo de Boqueixón, os nenos e nenas están a participar en diferentes actividades como obradoiros, paseos ao aire libre ou talleres de lectura e pintura.

Tras a visita a esta iniciativa, a conselleira visitou, tamén en Boqueixón, o Centro de Información á Muller (CIM) que presta servizo, ademais, ás localidades de Vedra e Touro. A Xunta está a destinar a este centro 28.000 euros cada ano para posibilitar o seu funcionamento. Trátase, en palabras de Lorenzana, dun centro “de referencia” na zona para asesorar ás mulleres da contorna en diferentes materias relacionadas principalmente coa igualdade e informarlles sobre os recursos a súa disposición para facer fronte a casos de violencia de xénero.

As axudas da convocatoria deste ano a concellos e outras entidades locais para potenciar a conciliación e a promoción da igualdade e a prevención da violencia de xénero, así como apoiar aos Centros de Información á Muller (CIM) contaron cun investimento de máis de 1,9 millóns de euros para a provincia da Coruña

Concretamente, concedéronse máis de 1,2 millóns euros a 29 Centros de Información á Muller da provincia coruñesa, máis de 520.000 euros ao fomento da conciliación en 36 municipios coruñeses e case 100.000 euros á promoción da igualdade entre mulleres e homes e para a prevención e tratamento da violencia de xénero dos que se beneficiaron sete concellos da provincia.

Imaxes relacionadas