A Xunta avanza na rehabilitación de dous edificios en Vilalba para convertelos en vivendas de promoción pública

O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, explicou que se prevé rematar o inmoble da rúa Concepción Arenal a finais deste mesmo ano e o da rúa Ferrería a principios do próximo

 Vilalba (Lugo), 17 de agostode 2022 O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, comprobou o estado das obras de rehabilitación de dous edificios no casco histórico de Vilalba que se destinarán a vivendas de promoción pública.

 

Arias explicou que a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda está a investir 368.300 euros na recuperación destes dous inmobles, que se atopaban en estado de ruína. Os traballos na vivenda situada no número 14 da rúa Concepción Arenal están máis avanzados, e a previsión é rematalosa finais deste mesmo ano. No que respecta ao edificio do número 6 da rúa Ferrería, de maior tamaño, estará listo a principios do vindeiro ano.

 

O delegado apuntou que, con estas actuacións, “ampliamos o parque de vivendas da Xunta no municipio e contribuímos a mellorar a zona dende o punto de vista urbanístico e social”. Ao respecto, sinalou que o Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) dispón actualmente dun parque de 262 vivendas de promoción pública en Vilalba.

 

As obras do edificio da rúa Ferrería contan cun orzamento de 241.600 euros; inclúen a demolición dos forxados de madeira, carpintaría, tabiques e o baleirado completo, conservando só a fábrica estrutural en bo estado e renovando os demais elementos. Presenta unha planta semisoto, dúas altas e un espazo de rocho no baixo cuberta.

 

No inmoble da rúa Concepción Arenal foi necesario acometer unha intervención integral que mesmo contemplou a reconstrución dos muros exteriores, debido ao profundo estado de deterioro que presentaba. Ten dúas plantas e invístense 126.700 euros para a súa rehabilitación.

 

Imaxes relacionadas