A Xunta ultima a aplicación web ‘A paisaxe de Galicia dende a bicicleta’ co inicio da fase de probas


A ferramenta desenvolvida polo Instituto de Estudos do Territorio sométese ás últimas comprobacións técnicas para asegurar o seu axeitado funcionamento de cara ao seu lanzamento oficial, previsto para o mes de setembro

O visor conta con máis de 50 itinerarios e todos os recursos para facilitar que a cidadanía se achegue á paisaxe galega desde unha perspectiva diferente e sostible
 

 

Santiago de Compostela, 15 de agosto de 2022 A Xunta de Galicia ultima os detalles previos ao lanzamento da aplicación web A paisaxe de Galicia dende a bicicleta, que actualmente está en fase de probas por parte do Instituto de Estudos do Territorio e cuxa estrea oficial se prevé para o vindeiro mes de setembro. Trátase dun visor dixital que porá á disposición dos afeccionados ao ciclismo máis de medio cento de rutas repartidas por toda a Comunidade.

 

Concretamente, serán 52 os itinerarios —cunha extensión máis de 2.300 km— dos que os usuarios poderán gozar, todos eles perfectamente cartografados e en formato descargable para facilitar a súa consulta desde diferentes dispositivos. Ademais disto, cada resultado inclúe unha ficha técnica con detalles e varias fotografías de distintos puntos para facer do percorrido unha experiencia moito máis completa.

 

Entre os aspectos máis destacables da ferramenta está o seu alto grao de personalización, xa que permite filtrar os itinerarios por niveis de dificultade, tipo de ruta (lineal ou circular), duración total e tipoloxía de paisaxe (costeira ou interior).Todo isto ademais do mapa, que conta cun alto grao de detalle para destacar localizacións de interese como monumentos naturais, humidais ou espazos protexidos, entre outras.

 

En definitiva, trátase dunha aplicación con todos os elementos necesarios para satisfacer as expectativas daquelas persoas que desexen coñecer a paisaxe galega dun xeito que, ademais, é responsable co medio ambiente.

 

Así, tendo en conta o auxe que o ciclismo experimentou nos últimos anos, este proxecto é idóneo para continuar promovendo unha das modalidades de transporte que ten un menor impacto sobre o entorno e que permite gozar da natureza sen alterala.

Imaxes relacionadas