A Xunta licita o proxecto para construír dúas piscinas públicas e un centro BTT no Concello de Outeiro de Rei

A intervención incluirá a adecuación da parcela e a correspondente urbanización así como a construción das novas edificacións previstas e dos servizos complementarios

O proxecto enmárcase no plan Hurbe, un programa posto en marcha no ano 2010 para axudar ás entidades locais a executar actuacións destinadas a crear, mellorar e integrar coa contorna espazos de uso público e equipamentos urbanos
 

 Santiago de Compostela, 13 de agosto de 2022 A Xunta vén de licitar o proxecto para a construción de dúas piscinas públicas e un centro BTT para bicicletas de montaña, cun investimento total previsto de máis de 1,1 millóns de euros, do cal o 70% será achegado polo departamento galego e o 30% restante polo Goberno municipal. O obxectivo da intervención é dotar ao municipio lucense dunha nova área deportiva e recreativa que terá como elemento principal o complexo acuático e os servizos complementarios asociados.

 

O ámbito de intervención correspóndese cunha parcela que ten unha superficie aproximada de 2.688 metros cadrados, localizada en Santa Isabel, preto da área recreativa do mesmo nome ao carón do Miño. O primeiro paso será a adecuación dos terreos nos que se proxecta o complexo, para de seguido acometer a construción das instalacións previstas e a urbanización do entorno.

 

A instalación central serán as dúas piscinas municipais ao aire libre, unha delas de uso infantil e a outra para adultos, que contarán con zonas destinadas a usos complementarios así como para aseos e vestiarios de uso público e área de enfermería.

 

A tal fin, o proxecto inclúe a construción dunha edificación que albergue, ademais das instalacións necesarias para dar servizo ás piscinas, estancias aptas para outras actividades. En concreto, unha cafetería con espazo para almacén, cociña e baños propios; e un centro BTT cunha zona taller para reparación das bicicletas, unha área exterior de lavado e aseos de uso exclusivo e independente para os seus usuarios.

 

Esta actuación enmárcase nos obxectivos do plan Hurbe, un programa impulsado pola Xunta no ano 2010 para axudar ás entidades locais a executar proxectos urbanísticos destinados á creación, mellora e humanización de espazos e infraestruturas de uso público e colectivo.