José Luis Cabarcos destacou a Lei de recuperación da terra agraria de Galicia e a futura Lei da calidade alimentaria como elementos de impulso deste eido produtivo

A Xunta pon en valor na Feira do Viño de Monterrei o seu compromiso con este sector

O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria salientou tamén a importancia da denominación de orixe Monterrei, así como o compromiso da Xunta coa calidade mediante ferramentas como a súa aposta pola recuperación das variedades autóctonas

Verín (Ourense), 12 de agosto de 2022

O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, José Luis Cabarcos, visitou este sábado a localidade ourensá de Verín para acudir á súa Feira do Viño, un produto amparado pola denominación de orixe Monterrei. Alí, puxo en valor o papel desta celebración e da propia denominación de orixe como axentes impulsores do sector vitivinícola no plano galego e nacional, así como o compromiso da Xunta con este eido mediante ferramentas como a Lei de recuperación da terra agraria de Galicia, coa calidade como base do crecemento.

 

Cabarcos, que estivo acompañado polo delegado territorial da Xunta, Gabriel Alén, comezou a súa intervención aludindo ao gran progreso rexistrado polos viños da zona dende o establecemento do Consello Regulador da denominación de orixe Monterrei a mediados dos anos 90, así como ao rol destacado da feira deste ano como mostra da fortaleza do sector tras dous anos de pandemia.

 

José Luis Cabarcos tamén reafirmou o compromiso da Xunta coa calidade no sector. A calidade é, segundo o director, o instrumento clave para diferenciar o produto galego e, neste caso, da denominación de orixe Monterrei. Cabarcos aludiu por isto á Lei de recuperación da terra agraria de Galicia, e en particular ao proceso de recuperación das variedades autóctonas mediante accións como o establecemento de polígonos de viñedo. Nesta mesma liña, fixo referencia tamén á futura Lei da calidade alimentaria que impulsa a Xunta como un texto que marcará un antes e un despois na ordenación, fomento e promoción das producións galegas de calidade diferenciada.

 

O director concluíu a súa intervención reforzando todo o anterior como claves para avanzar na “senda correcta” e continuar co crecemento de Monterrei como referente vitivinícola tanto dentro como fóra de Galicia. Isto, mediante un produto de máxima calidade que recolle o aprendido no pasado e o que se está a facer no presente para impulsar o que realizarán as futuras xeracións.