A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e o alcalde asinaron o convenio de colaboración

A Xunta e o Concello de Crecente investirán máis de 115.000 euros na mellora da contorna da capela de Santa Marta

Santiago de Compostela, 11 de agosto de 2022

A Xunta e o Concello de Crecente investirán máis de 115.000 euros na mellora da contorna da capela de Santa Marta, na parroquia de San Xoán de Albeos, tal e como recolle o convenio de colaboración asinado recentemente pola conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e o alcalde, Julio César García-Luengo.

 

O proxecto inclúe unha intervención de mellora na pavimentación e reforma dos servizos urbanísticos, como a eliminación dunha marquesiña e un novo emprazamento para os contedores de lixo.

 

A maiores, executarase un pequeno muro de contención de mampostería sobre zapatas de formigón; renovarase o pavimento dos accesos á ermida; reporase a rede de abastecemento e canalizacións das pluviais e a rede de enerxía eléctrica.

 

Tamén se eliminará o cableado da rede telefónica e eléctrica e renovaranse as luminarias. Ademais, instalarase un banco e plantaranse camelias e oliveiras.

 

Tal e como se recolle no propio convenio, a actuación proxectada en Crecente enmárcanse nos obxectivos do plan Hurbe, un programa impulsado pola Xunta hai 12 anos co fin de contribuír á mellora dos equipamentos municipais e dos servizos públicos, así como á humanización e posta en valor das contornas urbanas e ao que ten reservado para este ano un orzamento de 7 millóns de euros.

Imaxes relacionadas