A Xunta publica hoxe a convocatoria do proceso selectivo para cubrir 78 prazas para os corpos de Policía Local en 15 concellos galegos

O prazo para inscribirse será de 20 días hábiles desde o día despois de publicarse o anuncio se publique no Boletín Oficial do Estado (BOE)

Trátase dunha nova oposición unificada centralizada na Xunta a través da AGASP

Os 71 aspirantes que superaron o proceso na convocatoria do ano pasado forman parte da 14 promoción de Policía, que rematará a súa formación na Academia en outubro antes de tomar posesión a comezos de ano como funcionarios de carreira
 

 Santiago de Compostela, 11 de agosto de 2022 O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a convocatoria de 78 prazas para os corpos de Policía Local de 15 concellos galegos. Trátase dunha nova oposición unificada da Xunta a través da AGASP que o ano pasado permitiu cubrir 70 vacantes nunha trintena de municipios.

O prazo para inscribirse nesta convocatoria comezará despois de que o anuncio se publique no Boletín Oficial do Estado e permanecerá aberto durante 20 días hábiles a través da sede electrónica da Xunta https://sede.xunta.gal.

 

A convocatoria que se publica hoxe diferencia entre prazas por oposición libre (60) e por mobilidade (18), destinadas estas últimas aos policías xa en exercicio que cambian de concello mediante sistema de concurso e de conformidade cun baremo de méritos.

 

A oposición contará con 5 exercicios: un test de coñecemento sobre o temario publicado, proba de coñecementos do idioma galego salvo para as persoas que estean exentas, probas físicas, psicotécnicas e recoñecemento médico. Unha vez rematado o proceso dará comezo o curso selectivo, tamén na AGASP, e os aspirantes admitidos pasarán a formar parte da nova promoción de Policía Local da Academia.

 

Os concellos que convocan prazas nesta convocatoria por algunha das dúas modalidades son A Coruña, Brión, Carballo, Malpica de Bergantiños, Noia, Oroso, Outes, Sada, Ordes, na provincia da Coruña; xunto cos municipios pontevedreses de Caldas de Reis, A Guarda,  Marín e Vigo e os lucenses de Ribadeo e Guitiriz.

 

Proceso de selección unitario

A finais do ano 2017 a Xunta aprobou e publicou o decreto 115/2017 para regular a cooperación da Xunta cos concellos que, voluntariamente, decidan delegar na Administración autonómica a selección dos seus corpos de Policía Local. O obxectivo desta iniciativa é aforrar xestións, orzamento e tempo ás entidades locais, ao tempo que se dota ao proceso de maior transparencia e axilidade. Ademais, a confección de listas única facilita tamén a contratación.

 

En abril deste ano convocouse a segunda convocatoria para auxiliares, con 155 prazas. O proceso rematou este mesmo mes de xuño coa adxudicación de postos. Agora, coa convocatoria publicada hoxe no DOG, dáse comezo á segunda convocatoria para cubrir postos de policías. A día de hoxe xa son 89 os concellos que delegaron na Xunta de Galicia a selección do seu persoal de policía local.

 

Ademais da convocatoria para a categoría de Policía Local, este ano xa rematou outro proceso selectivo para o acceso a 129 prazas de postos de auxiliares de Policía Local de 32 concellos galegos.

 

Por outra banda, a 14ª promoción de policía local que se forma na Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP) conta con 117 alumnos e alumnas, entre eles os 71 aspirantes que superaron as distintas fases do proceso para optar a prazas convocadas por 29 municipios. O próximo mes de outubro, despois de estar de prácticas os meses de verán nos seus concellos de destino, volverán ás aulas para rematar a formación teórica e poder ser nomeados funcionarios de carreira a comezos de ano.

 

Centro de referencia

A AGASP é o centro de referencia na formación das forzas e corpos de seguridade en Galicia, xa que ademais de preparar as novas promocións de Policía Local ofrece accións formativas con contidos actualizados e adaptados á realidade do seu traballo diario e dos servizos de emerxencias que garanten a seguridade da poboación galega.

Imaxes relacionadas