A Xunta activa unha alerta laranxa por altas temperaturas na zona do Miño de Ourense


O episodio comezará previsiblemente ao mediodía con máximas de ata 39 graos


Tamén estarán en alerta amarela por temperaturas máximas que poden acadar os 36 graos no interior da Coruña, no sur de Lugo, así como no noroeste, no sur e na zona de Valdeorras na provincia de Ourense


A Xunta recorda a necesidade de extremar as precaucións, seguir as medidas de protección pertinentes e consultar a súa web www.axega112.gal
 

 Santiago de Compostela, 9 de agosto de 2022 A Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Vicepresidencia Segunda da Xunta e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes vén de activar para hoxe a alerta laranxa por altas temperaturas na zona do Miño de Ourense. Segundo informa a Axencia Estatal de Meteoroloxía (AEMET), trátase dun fenómeno meteorolóxico que se espera que comece arredor das 13,00 horas.

 

Ademais, estará activo o nivel amarelo por altas temperaturas que poden acadar os 36 graos no interior da Coruña, no sur de Lugo, así como no noroeste, no sur e na zona de Valdeorras na provincia de Ourense.

 

Por este motivo, e co fin de garantir a seguridade dos bens e as persoas, a Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, a través do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias 112 Galicia, informou da situación aos concellos da provincias afectadas; deputacións; servizos provinciais; e agrupacións de voluntarios de Protección Civil, entre outros. Deste xeito, agárdase que se adopten as medidas oportunas para garantir a seguridade dos bens e das persoas.

 

Ante este episodio de altas temperaturas, recoméndase extremar as precaucións, especialmente entre os colectivos máis vulnerables como persoas maiores, nenos, persoas con enfermidades crónicas e tamén no caso de persoas que realizan traballos físicos intensos ou deporte ao aire libre.

 

Recoméndase limitar a exposición o sol, manter unha boa ventilación e ter en conta os cambios de temperatura. É tamén aconsellable manter unha hidratación adecuada, tomar comidas lixeiras, cubrir a cabeza e evitar exercicios físicos prolongados ao sol. Ademais, recórdase que nunca debe deixarse a nenos  e nenas ou persoas maiores no interior de vehículos pechados.

Por último, aconséllase consultar a páxina web do CIAE 112 (www.axega112.gal), que conta con información meteorolóxica e con enlaces de interese.

Imaxes relacionadas