Representantes das Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e o do Mar reuníronse con responsables do Observatorio

A Xunta e o Observatorio do Litoral coinciden en que hai base xurídica suficiente para recorrer a reforma do Regulamento de Costas

O Goberno galego lamenta que tanto o Consejo de Estado como o Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico rexeitasen remitir á Comunidade o ditame preceptivo sobre esta modificación regulamentaria, na súa condición de interesada

 Santiago de Compostela, 8 de agosto de 2022 A Xunta e o Observatorio do Litoral coinciden en que hai base xurídica suficiente para interpoñer un recurso contra a reforma do Regulamento de Costas, tal e como se puxo de manifesto na reunión que mantiveron a secretaria xeral técnica da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Carmen Bouso, e o director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Antonio Basanta, con representantes desa entidade.

 

Tras recibir o aval deste recoñecido grupo de investigación dependente da Universidade da Coruña especializado no estudo e análise de cuestión xurídicas relativas ao litoral, os servizos xurídicos da Comunidade estudarán a posibilidade de recorrer unha norma que supón un ataque directo contra o sector mar-industria e contra todos aqueles titulares de vivendas no litoral galego, ademais de poñer en perigo edificacións como centros de saúde e colexios.

 

A maiores, a Xunta lamenta que tanto o Consejo de Estado como o Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico rexeitasen remitir á Comunidade o ditame preceptivo sobre esta modificación regulamentaria, na súa condición de interesada.

 

Esta nova normativa limita as concesións para as industrias do mar a 30 anos -que ademais xa transcorreron máis concesións anteriores a 1988-, impide que haxa vivendas no litoral, e abre a vía para modificar os límites do dominio público marítimo-terrestre dun xeito totalmente arbitrario. Ata o de agora esta modificación producíase cando se constataban cinco alcances do mar nun período de cinco anos. Con este regulamento, bastará un só alcance para que o Ministerio cambie este límite, perdendo entón os seus titulares a propiedade.

 

O Goberno galego reitera que o que busca o Executivo central con este nova norma, ao igual que o fai coa a Lei de Cambio Climático e co Plan estratéxico do litoral, é expulsar da nosa costa toda presenza de actividade social e económica sen xustificación técnica algunha.

Imaxes relacionadas