A Xunta mellora o edificio dos xulgados de Vilalba, que suma un investimento de case 160.000 euros desde 2013

O director xeral de Xustiza, José Tronchoni, visitou hoxe o edificio, onde veñen de reformarse aseos cun orzamento de case 16.500 euros


O obxectivo das actuacións desenvolvidas ao longo dos últimos anos é facilitarlle ao persoal e á cidadanía unha infraestrutura xudicial confortable e eficiente
 

Vilalba (Lugo), 8 de agosto de 2022

O director xeral de Xustiza, José Tronchoni, acompañado do delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, visitou hoxe o edificio dos xulgados de Vilalba, onde veñen de realizarse obras de mellora cun investimento de case 16.500 euros. A actuación permitiu a reforma completa de tres aseos no xulgado nº2.

 

Con esta actuación, a Xunta continúa a mellorar estas instalacións xudiciais, nas que investiu desde 2013 preto de 160.000 euros en diferentes proxectos. Entre as obras realizadas no período cómpre salientar a instalación dun ascensor, a reparación da cuberta ou a reforma da sala de caldeiras, entre outras.  

 

Segundo sinalou o director xeral, o obxectivo é poñer á disposición do persoal e da cidadanía un edificio que garanta a prestación de servizos nas mellores condicións de confort.

 

Para José Tronchoni, estas actuacións poñen de manifesto o compromiso da Xunta coa mellora das infraestruturas xudiciais. Nesta liña, salientou o investimento de máis de 125 millóns de euros no Plan de Infraestruturas Xudiciais e a creación da Cidade da Xustiza de Vigo, á que se destinaron 42 millóns de euros.

 

A mellora dos recursos materiais complétase co impulso que lle está a dar o Goberno galego á dixitalización nos xulgados galegos a través do Plan tecnolóxico da Administración da Xustiza en Galicia, Senda 2025, presupostado en 43 millóns de euros. Con este novo plan o Goberno galego da continuidade aos dous Plans Senda anteriores aos que a Xunta xa destinou outros 50 millóns de euros.

 

Imaxes relacionadas