A Xunta abre ao tráfico a Ponte Nafonso, que une Noia e de Outes, ao rematar as obras de mellora de seguridade e posta en valor, cun orzamento de máis de 700.000 €

A ponte xa loce desde hai dúas semanas a nova iluminación, que realza a monumentalidade da infraestrutura, seguindo o modelo usado na Ponte Sampaio, en Pontevedra

A intervención, no seu conxunto, incluíu a configuración do peitoril de pedra en lugar do metálico, así como a substitución do pavimento e da varanda

A actuación combina a funcionalidade da infraestrutura co máximo coidado e a súa posta en valor, dada a súa singularidade ao tratarse dunha ponte medieval

Este proxecto forma parte do programa de control das pontes e obras de paso da Xunta, co fin de preservar a seguridade e alongar a vida útil destas estruturas
 

Santiago de Compostela, 8 de agosto de 2022

A Xunta abre ao tráfico a Ponte Nafonso, que une os concellos de Noia e Outes na estrada AC-196, ao rematar as obras de posta en valor e de reforzo da seguridade de vehículos e de peóns.

A ponte xa loce desde hai dúas semanas unha renovada iluminación, en base a un modelo de baliza encaixada no peitoril, sistema tamén usado na Ponte Sampaio, en Pontevedra, que realza a monumentalidade da infraestrutura.

A Xunta retomara en abril as obras, tras recibir o visto bo da Comisión de Patrimonio da Coruña o novo proxecto para a ponte, que recollía a configuración do peitoril de pedra en lugar do metálico, e unha vez superado o paro do transporte que retrasou o seu reinicio.

O proxecto inicial propoñía a instalación dunha varanda metálica, cuxo deseño estaba previsto para a contención de vehículos cunha velocidade de 50 km/h. Non obstante, a limitación a 20 ou 30 km/h nas vías que dispoñan plataforma única de calzada e beirarrúa, fixo necesario optar finalmente por colocar un peitoril de pedra.

A intervención combinou a funcionalidade da infraestrutura co máximo coidado e a súa posta en valor, dada a súa singularidade ao tratarse dunha ponte medieval.

A obra tamén incluíu a substitución do pavimento e da varanda, así como a limpeza dos paramentos exteriores co fin de mellorar o seu aspecto estético e mantela en bo estado de conservación.
 
O proxecto, no seu conxunto, forma parte do programa de control das pontes e obras de paso da Xunta, co fin de preservar a seguridade e alongar a vida útil destas estruturas, con actuacións de conservación preventiva.

Imaxes relacionadas