A Xunta destaca na LXX Festa do Viño do Albariño a importancia da enogastronomía no turismo galego

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, participou hoxe na recepción de autoridades dentro deste certame de exaltación vitivinícola

Nava Castro lembrou que a gastronomía está dentro das tres primeiras preferencias dos visitantes que se achegan a Galicia

Referiuse tamén ao Plan territorial 2022 que prevé o investimento de 15.850.000 euros para o desenvolvemento de distintos proxectos relacionados coa gastronomía e o viño
 

Cambados (Pontevedra), 7 de agosto de 2022

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, paticipou hoxe na Recepción de autoridades dentro da LXX Festa do Albariño de Cambados onde destacou a importancia que ten a enogastronomía dentro da oferta turística galega e que se atopa entre as tres primeiras preferencias que citan os viaxeiros á hora de decidirse a visitar Galicia.

Nava Castro enxalzou tamén a calidade do viño da Denominación de Orixe Rías Baixas así como o valor dos produtores amparados baixo esta D.O e o potencial que ten o enoturismo como ferramenta de dinamización socioeconómica e de impulso dun turismo de calidade e sostible para os territorios vitivinícolas.

Na súa intervención, Nava Castro fixo fincapé na importancia da cultura do viño en Galicia e enxalzou a transcendencia da celebración da Festa do Albariño, que este ano cumpriu a súa edición número 70, na promoción do turismo enolóxico na Comunidade galega.

A directora de Turismo de Galicia tamén se referiu ao interese que ten para o posicionamento do turismo galego nos mercados exteriores a distinción como festa de interese turístico internacional que ostenta a Festa do Albariño, o que posibilita que conte cunha promoción extraordinaria no exterior a través de distintos entidades e organismos.

Nava Castro fixo tamén unha referencia na súa intervención ao Plan Territorial 2022, que no ámbito da enogastronomía está previsto que se desenvolvan proxectos sostibles por valor de 15.850.00 euros.

Así, citou dentro do ámbito autonómico as propostas “Unha viaxe sostible entre viñas. Descubre as 5 rutas do viño en coche eléctrico”, “Adecuación de instalacións e recursos para fomentar e enriquecer as experiencias inmersivas en establecementos de produción enogastronómica de Galicia” e “Galicia Gastro Experiencie: Un hub de referencia para a mellora da enogastronomía galega como experiencia turística.

Ademais, dentro do Plan Nacional tamén se desenvolverán os proxectos “Mobilidade gastronómica” e  “Galicia Destino náutico fluvial enogastronómico ENO-DESTIN Miño e Sil”.